Partido Popular de Lugo

Constitúese a xestora do PP de Friol presidida polo actual alcalde

A dirección provincial do Partido Popular decidiu nomear unha xestora do PP de Friol, que con carácter provisional tomará as rendas do partido a nivel local ata a convocatoria do novo congreso. Segundo informou esta tarde Elena Candia, presidenta provincial, a nova xestora estará presidida polo actual alcalde, José Ángel Santos. Ambos mantiveron unha reunión de traballo esta mesma tarde onde se tomou este acordo.

Deste xeito, a dirección provincial continúa o proceso de renovación das estruturas locais do partido, en concreto nun Concello onde a actual dirección non se renovaba dende o ano 1995, é dicir, hai 21 anos. Así as cousas, entre os obxectivos principais da nova xestora estará a preparación do futuro congreso local, que se encargará de escoller a nova dirección entre os militantes.

Elena Candia agradece a disposición tanto do actual alcalde por asumir esta responsabilidade, como da dirección saínte, e sinala que Friol é un dos Concellos máis relevantes a nivel provincial, tanto polo seu número de militantes como, e sobre todo, polo amplo respaldo popular que sempre tiveron as candidaturas do PP nesta localidade.