Partido Popular de Lugo

Conde salienta que o proxecto de Rozas fortalecerá o tecido industrial galego e xerará novas oportunidades de emprego

Santiago, 12 de abril de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta tarde no Parlamento que o proxecto do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de uso civil, que ten como centro neurálxico o aeródromo de Rozas, en Lugo, “fortalecerá o tecido industrial galego e xerará novas oportunidades de emprego para os mozos e mozas galegos”. Conde subliñou o compromiso de permanencia de Indra e Inaer, elixidas como socios da Xunta neste proxecto, e os seus investimentos, como mínimo ata o ano 2026, contribuíndo a converter a Galicia nun referente do sector e a fixar, modernizar e diversificar o tecido produtivo.

Conde lembrou que ambas compañías invisten 75 millóns no proxecto, que se suman aos 40 aportados pola Xunta para contabilizar un total de 115 millóns en apoios, que permitirán poñer en marcha iniciativas que suporán a creación de 600 postos de traballo directos e indirectos, e xerarán un “efecto multiplicador entre as empresas, universidades e centros tecnolóxicos galegos, que participarán non só nas actividades de I+D+i senón tamén na fabricación e comercialización da tecnoloxía”, mediante contratos que sumarán 42 millóns.

O conselleiro puxo en valor os compromisos asumidos por Indra e Inaer de cara a poñer a Galicia á vangarda do sector, resaltando que ambas compañías situarán en Galicia toda a cadea de valor ao comprometerse a trasladar toda a súa actividade de avións non tripulados a Galicia; implantar 6 novas empresas na comunidade; desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán íntegramente en Galicia e se comercializarán a nivel mundial; impulsar tecnoloxías transversais de alto impacto noutros sectores como o naval e a automoción; e construír o parque tecnolóxico-industrial de Rozas, que complete as actuais capacidades do aeródromo.

Para isto, lembrou o conselleiro, o aeródromo lucense incorporará a fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer, a fábrica de avións non tripulados de Indra, un centro tecnolóxico, unha oficina de deseño e certificación, unha unidade de instrución e formación de pilotos, outra unidade de instrución e formación de sensores, un centro de control de tráfico aéreo, un novo hangar e unha incubadora de empresas.

“Establecemos as condicións necesarias para fabricar en Galicia 3 modelos non tripulados cun alto potencial de mercado”, dixo Conde, en referencia ao helicóptero Lumes, ao avión de ala fixa Targus, e a un vehículo mariño que inclúe un microrrobot submariño con capacidade para a recollida de mostras. Tres vehículos non tripulados de uso civil que, xunto ao impulso doutros sistemas e aplicacións, “solucionarán o 100% dos retos tecnolóxicos plantexados pola Xunta”, indicou o conselleiro, mellorando os servizos públicos en ámbitos como a prevención e a extinción de incendios, a xestión máis eficiente dos recursos forestais, agrícolas e gandeiros, o inventariado e a xestión do territorio e o patrimonio, o salvamento marítimo e a vixilancia costeira, o control de furtivismo, a detección de mareas vermellas, ou a xestión eficiente de emerxencias e fluxos turísticos.

Todos estes produtos que se desenvolverán en Galicia contarán coas certificacións necesarias a través do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR), posto en marcha polo INTA e a Xunta cun investimento de 10 millóns en Rozas, e que, subliñou, é a vantaxe competitiva de Galicia fronte aos seus competidores, con capacidades clave como a certificación de novos vehículos. Conde resaltou que este centro mixto se dedica en exclusiva á I+D+i e certificación para uso civil, unha obriga recollida tanto no convenio da súa creación, publicado no BOE, como nos requisitos dos fondos europeos cos que se financia. No que respecta ás infraestruturas do CIAR, Conde apuntou que xa se están a concluír a construción das novas oficinas, o hangar e a torre de control.

Esa mesma transparencia, dixo o conselleiro, mantívose durante todo o proceso de selección dos socios tecnolóxicos do polo de avións non tripulados. Un proceso caracterizado pola “rigorosidade e transparencia” do procedemento, cunha licitación pública e coa publicación de todos os criterios de valoración e ponderación nos diarios oficiais e unha web específica. A candidatura conxunta de Inaer e Indra, defendeu o conselleiro, foi “a oferta que tivo máis puntuación por parte da Comisión de Valoración, e por ser a máis vantaxosa para os intereses de Galicia”.

Solvencia e experiencia
A avaliación das propostas,informou Conde, buscou o maior equilibrio entre os medios e recursos achegados polo licitador, o contido do programa conxunto de I+D proposto e os recursos solicitados á Xunta de Galicia. Ambas compañías, resaltou, teñen acreditado a súa solvencia e a súa experiencia en I+D no eido dos sistemas aéreos non tripulados, amosando “a súa capacidade de maximizar o impacto económico e social en Galicia”.

Conde lembrou que Inaer Helicópteros, filial de Babcock Group, é hoxe líder mundial na prestación de servizos de misións críticas con aeronaves tripuladas, estando presente en 23 países e que suma unha facturación de 6.285 millóns e 35.200 empregados. Tamén apuntou que, pola súa banda, Indra configúrase como un dos líderes mundiais en alta tecnoloxía, desenvolvendo a súa actividade en 149 países, facturando preto de 3.000 millóns de euros e empregando a 38.000 traballadores.

Fonte: Xunta.es