O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela presentou unha moción para que se debata no pleno de mañá con carácter de urxencia, coa finalidade de que “o Concello de Burela asine coa Deputación Provincial de Lugo un convenio para que o ente provincial asuma, a través da figura e cauces que se consideren oportunos, os custos derivados de levar a cabo o proxecto de reparcelación e equidistribución da zona industrial de O Perdouro reflectida no Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), así como o proxecto de urbanización do mesmo, dado que nos presupostos municipais do presente ano non hai partida para estes traballos”.
Os populares lembran que “no PXOM, que contou con voto en contra do PSOE, figuran dúas zonas industriais, a da Puida, non delimitada, e a de O Perdouro, delimitada. Nesta zona, por esa condición de delimitada, o Concello pode actuar xa, elaborando o proxecto de reparcelación e equidistribución, e tamén o proxecto de urbanización, pasos fundamentais para crear solo empresarial que asente empresas ou que cando menos a que non se deslocalice ningunha, que xere emprego e, polo tanto riqueza, e que asente poboación. O goberno municipal do PP recorda que elaborou documentación logo da aprobación definitiva do PXOM, “pero vemos que desde o goberno socialista non se fixo nada ao respecto”.
O Grupo Municipal do PP afirma que “desde que se fagan as obras de urbanización, tardarase dous ou tres anos en ver feita unha nave; pero sen non se fai a urbanización da zona, nunca veremos ningunha nave, o que se traducirá na falla de postos de traballo”.
Os populares “desexamos aclarar que a Sociedade Urbanística Provincial, SUPLUSA, que depende da Deputación, tivo desde 2006 e hasta 2012, os dous anos incluídos, unha previsión de investimento para desenvolvemento de solo empresarial en Burela. Tal previsión desapareceu no ano 2013 e así hasta hoxe. Nos presupostos da Deputación para este ano hai unha partida de algo máis de 443.000 euros para actuacións en solos industriais en varios concellos da provincia, partida que o PP pediu aumentar ata un millón de euros nos presupostos provinciais para o presente ano e que o bipartito rexeitou”.
“Aos populares parécenos que o alcalde non ten moito interese neste asunto, cando é clave para o futuro do noso Concello. Por iso presentamos esta moción, porque non podemos permitir que continúe pasando o tempo e non se faga nada ao respecto desde o goberno municipal”.