O deputado José Manuel Yanes Ginzo comunica que esta mañá o Grupo Provincial do PP rexistrou unha pregunta dirixida ao presidente da Deputación de Lugo a través da que se interesa polo número de universitarios beneficiarios da subvención concedida pola institución lucense ao Concello de O Valadouro para o financiamento do Programa Piloto de Formación e Emprego en Agricultura Ecolóxica.
En concreto, os populares piden saber: “Cantos universitarios foron destinatarios da subvención excepcional outorgada pola Excma. Deputación ao Concello do Valadouro, polo importe de 215.000 euros, co obxecto de colaborar no financiamento do Programa Piloto de Formación e Emprego en Agricultura Ecolóxica, executado polo Concello ao longo das anualidades 2013, 2014 e 2015”.
O deputado explica que dende o Grupo Provincial do PP trasladan esta pregunta ao presidente da Deputación xa que, unha vez estudado o expediente relativo á aprobación de dita conta xustificativa, “non temos claro que se acadaran os fins para os que foi outorgada a subvención”, é dicir, para a colaboración do sistema de formación teórica e práctica dos universitarios.
O convenio regulador da referida subvención directa excepcional, aprobada en decembro de 2013, reflicte que esta achega económica realízase con cargo a liña 5 do Plan Estratéxico de Subvencións, titulada ‘Ensinanzas Universitarias’, para proporcionarlle aos alumnos universitarios a posibilidade de abrirse camiño no mercado laboral como posuidores dunha formación oficial avantaxada. Na memoria remitida polo Concello á Deputación non clarifican o número de alumnos universitarios que foron destinatarios desta subvención polo que “dentro da nosa labor de control e fiscalización, queremos coñecer se realmente se cumpriron cos fins para os que outorgada a subvención”, matiza o popular.