Partido Popular de Lugo

O PP considera a resposta do PSOE sobre a Operación Pulpo insuficiente, sesgada e tendenciosa

Lugo, 29 de marzo de 2016.- O Grupo Provincial do PP considera a resposta do PSOE sobre a Operación Pulpo no pleno de hoxe insuficiente, sesgada e tendenciosa e recordan que serán os socialistas e non outro partido o que terá que dar explicacións en sede xudicial. O vicevoceiro dos populares, José Antonio García, recorda que o sumario vincula, tal e como publican os medios de comunicación, a presunta contabilidade irregular e as listas negras co goberno de Besteiro.

 

Lamenta o deputado que o voceiro dos socialistas non pedira desculpas pola imaxe que o seu Grupo está a dar da institución e polo atrevemento á hora de atacar a un órgano xurisdicional. Os populares insisten en que as explicacións políticas en relación coa Operación Pulpo seguen a ser “insuficientes” e non aclaran se existiu ou non esa contabilidade irregular ou as listas negras, polo que estudan novas accións que permitan á cidadanía saber o que realmente pasou na institución.

 

Melloras en turismo

O PP conseguiu sacar adiante a súa iniciativa relativa á mellora da xestión das rutas fluviais na Ribeira Sacra, aínda que lamenta que a moción non contara co apoio do bipartito. Carlos Armesto explicou que por primeira vez se sacaron os catamaráns do río, que algún deles segue sen funcionar e que outros, como o Mencía, teñen goteiras.

 

Os populares piden melloras nos horarios, a ampliación das rutas e da temporada de verán. Tamén a incorporación das audioguías que o PP contratou e que seguen sen chegar aos barcos.

 

Adaptar as deputacións á  realidade actual

O deputado José Antonio García defendeu a importancia que teñen as Deputacións, especialmente para unha provincia como a de Lugo, onde esta institución se fai “imprescindible”, dada a configuración social e xeográfica da provincia. Dende o Grupo Provincial Popular tamén advertiron na súa moción, que foi aprobada, da necesidade de que se impulsen as reformas precisas para adaptar as deputacións “á realidade actual e facelas máis transparentes”, matizou o deputado.

 

Neste senso, José Antonio García engadiu  que “é certo que hai casos de Deputacións que non son o mellor exemplo da validez destas institucións, pero esta situación non se debe a administración en si, senón aos seus xestores”, e cita a “parálise” que se vive no Goberno lucense.

 

 “A única postura coherente é  a do PP”, dixo o popular. Mentres o PSOE se atopa cun panorama confuso ao “non saber como explicar o acordo firmado con Ciudadanos para facer desaparecer estas estruturas administrativas de apoio aos pequenos concellos”; o BNG está en contra das deputacións “cando levan doce anos no goberno da lucense, sen o apoio dos veciños” e din estar “dentro para destruílas”, considera.

 

Os populares apoiaron a moción do PSOE para que a Xunta cubra de maneira inmediata as dúas prazas de médico no centro de saúde do Concello de Navia, así como a moción do deputado non adscrito sobre a situación de Siria.