Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2016.- O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, pediu a AGE que respectara o proxecto industrial para o Aeródromo de Rozas, sinalando que os que fan do paro un negocio político non son os máis adecuados para orientar a política industrial da Xunta de Galicia.
O portavoz dixo que AGE ten unha obsesión clara por ir en contra dos investimentos de empresas privadas en Galicia, e recordou o intento dese partido de bloquear a ampliación da planta PSA Peugeot-Citroën en Vigo, que posibilitaría a construción de furgonetas nesa factoría e unha enorme carga de emprego para a cidade.
Ademais, Tellado lembrou que AGE e os partidos dos que procede estiveron en contra do acordo con Pemex e agora se opoñen tamén a inversión de 75 millóns de euros que situarán a Galicia como un referente nacional e internacional na investigación no campo dos avións non tripulados.
“AGE está en contra de calquera proxecto que xere emprego e riqueza para Galicia, algo propio dun partido que se alimenta da desesperanza da xente e das persoas que están ao límite por non ter traballo”, engadiu.
Segundo o voceiro, atendendo as súas actuacións, “semella que queren que a primeira cidade galega teña máis paro forzando a saída de PSA de Vigo; que a comarca de Ferrolterra e resto de cidades que viven do naval siga tendo sobre si a ameaza de peche dos estaleiros; e, agora, tamén é posible que non queiran unha inxección de capital para fixar poboación e emprego na provincia de Lugo”.
O portavoz sinalou que o feito de que cuestionen hoxe criterios de adxudicación coñecidos dende fai oito meses amosa “ou que non consultaron os pregos por pereza, que sería moi grave; ou que téndoo feito non atoparon nada irregular e intentan ensombrecer o proceso agora e sen ningún motivo, algo máis grave aínda”.
Para Tellado, AGE volveu actuar unha vez máis de forma totalmente irresponsable mentindo e vertendo falsidades sobre un dos investimentos industriais máis importantes da historia da provincia de Lugo e de Galicia, tentando manchar así a imaxe da comunidade e dun proceso exemplar, que acaba de ser premiado a nivel nacional polo seu rigor e transparencia.
O portavoz tamén destacou que a política de captación de investimentos que leva a cabo a Xunta é posible porque hai un Goberno sensato que xera estabilidade na nosa comunidade, xusto o contrario do que sería unha Administración liderada por un multipartito no que estivera AGE e o resto de partidos da oposición parlamentaria en Galicia.