O Grupo Provincial do PP vén de presentar unha moción para o Pleno do vindeiro martes na que lle demanda á Deputación de Lugo que corrixa as deficiencias na xestión das rutas fluviais en catamarán na Ribeira Sacra e que preste un servizo cunha calidade axeitada.
En concreto, o PP pídelle á institución provincial o restablecemento da ruta suspendida Peares – Maiorga, a ampliación dos horarios durante a tempada de inverno, da ruta Belesar pobo – Área recreativa de Maiorga- Belesar pobo, dando servizo de mércores a domingo incluídos, do mesmo xeito que xa se está a facer na ruta Doade – Santa Cristina – Doade.
Tamén se solicita que se amplíe a tempada de verán ata o 31 de outubro.
Os populares recordan na súa iniciativa que a Deputación Provincial de Lugo xestiona rutas fluviais en catamarán ao longo dos ríos Miño e Sil, con saídas dende Belesar, Os Robles e Doade. En reiteradas ocasións, o Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo, atendendo a denuncias de usuarios, veciños e entidades locais e administrativas, pediron unha mellora no funcionamento deste servizo.
Administracións, asociacións e particulares levan esixindo a prestación do servizo de catamaráns na calidade axeitada tendo en conta a importante repercusión que teñen estas rutas para o sector na zona. Ademais, o Grupo Provincial do Partido Popular solicitou en diversas ocasións vía moción, (outubro de 2012, xullo de 2013 e setembro de 2014), que se arranxaran as deficiencias existentes no servizo de catamaráns.
Algunhas das deficiencias que seguen a existir son as seguintes: a ruta Peares – Maiorga continúa a estar suspendida; a ruta Belesar pobo – Área Recreativa de Maiorga – Belesar pobo, durante o inverno, conta cuns horarios e servizos inferiores aos da ruta Doade – Santa Cristina – Doade; e o mes de outubro considerase como tempada baixa, o cal é un erro no contexto da Ribeira Sacra, pois no mes de outubro é moita maior a afluencia de visitantes que no mes de xuño debido a factores como a vendima, o clima e, sobre todo, a paleta de cores, segundo os datos obtidos polo Observatorio Turístico da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e pola Central de Reservas da Ribeira Sacra.
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, sostén que esta situación demostra que un dos recursos bandeira da Ribeira Sacra se desaproveita, cos danos e prexuízos que esta circunstancia implica para os distintos integrantes do sector turístico, polo que urxe á Deputación a facer os cambios que se lle propoñen.