A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, presentou esta mañá ás persoas que integran o Comité Executivo, un equipo deseñado cun claro obxectivo “se fomos a candidatura dos militantes e quero que cada afiliado sexa un militante activo, tamén seremos o partido que traballe ao carón da xente” e para acadalo “ninguén sobra e todos sumamos”.
Así, a popular considera que o novo equipo responde a un organigrama que busca ser operativo cunha vicepresidencia, a secretaría xeral e as vicesecretarías, ademais dos distintos coordinadores de cada área.
“Somos a suma de todos, tamén dos alcaldes e voceiros municipais da provincia que formarán parte da Xunta Directiva do Partido Popular” aos que referiu como “o motor da nosa formación, verdadeiro activo do PP, ademais de seren os interlocutores e representantes máis directos dos veciños”. “Este é o noso equipo, hai partido, ilusión, forza, convencemento e unidade”, engadiu.
Elena Candia defendeu o seu compromiso e o do seu equipo coa provincia e cos problemas dos lucenses. “É o noso verdadeiro reto”, destacou.
Principais obxectivos
“Conto con cada unha destas persoas para cumprir os compromisos que adquirimos e non defraudar o alento que recibimos”, dixo Candia, quen citou entre os principais obxectivos “comunicar máis e mellor, que todos os lucenses entendan o que estamos a facer”, ademais de formar aos militantes, aos portavoces e aos alcaldes a través de áreas de traballo sobre diferentes materias, contando ademais cunha nova estrutura conformada cos mellores profesionais dos distintos ámbitos que permitan que o noso proxecto estea “máis pegado ao terreo”. Tamén enumerou o propósito de estar ser próximos, “intermediando e escoitando a todos os sectores”.
Retos máis inmediatos
A popular tamén fixo referencia aos retos máis inmediatos, entre os que se atopan o de revitalizar as estruturas comarcais e o de reunir a Xunta Directiva para convocar o Congreso local de Lugo e o provincial de Novas Xeracións. “Quero reabrir o partido aos militantes e aos concellos da provincia, estar máis fóra que dentro da sede, facer reunións nas diferentes comarcas, crear novos espazos de participación directa dos militantes e de cada un dos territorios” e para iso “en breve espazo de tempo elixiremos aos coordinadores comarcais que serán escollidos directamente polos militantes” ademais de convocar reunións periódicas e itinerantes do Comité de Dirección nas distintas comarcas, con participación directa dos militantes.
Ano electoral
Candia considera que non é un desafío menor manter ao PP de Lugo como un dos principais bastións e referentes do partido en Galicia e en España unha posición que se debe, “en gran medida, ao traballo de José Manuel Barreiro e do seu equipo a quen quero volver a agradecer que durante 14 anos se deixase a pel para elo”.
Este ano é un ano electoral, e “temos que empezar canto antes a renovación territorial, establecer un calendario de actos, un sistema de traballo e non podemos perder o ritmo. Empecemos a traballar dende o primeiro día”, concluíu.
Composición do novo COMITÉ EXECUTIVO: http://ow.ly/ZEX8T