Partido Popular de Lugo

Os alcaldes e voceiros formarán parte da Xunta Directiva do Partido Popular de Lugo

Lugo, 17 de marzo de 2016.- A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, tomou a decisión de respectar os acordos adoptados nos congresos dos anos 2007 e 2013 de que todos os alcaldes e portavoces formen parte da Xunta Directiva do PP provincial. Así o anunciou a popular, quen engadiu que mañá fará público o equipo definitivo que a acompañará na presidencia do Partido.

Elena Candia destaca que “é a maior integración que se pode facer no partido, contando con todos e todas os voceiros e alcaldes e alcaldesas da provincia como parte do noso equipo”.

A presidenta dos populares lucenses, que avoga por un partido moi participativo e dinámico, -como defendeu durante toda a campaña-, considera “necesario” o cumprimento destes acordos tendo en conta que tanto os alcaldes como os voceiros son os “interlocutores máis directos cos veciños e cos militantes e os que mellor coñecen as necesidades dos lucenses”.

Coordinadores comarcais

Nesta liña de darlle maior participación aos militantes, Candia tamén adianta que nun breve espazo de tempo se elixirán os coordinadores comarcais, que serán escollidos directamente pola militancia. Deste xeito, a presidenta cumprirá cun dos compromisos asumidos, o de elixir as Xuntas Comarcais, de xeito que cada afiliado escolla un presidente e a súa executiva e se lle dea maior vitalidade a estas estruturas comarcais.

A popular sempre reivindicou que os afiliados deben recuperar o seu protagonismo e estas estruturas comarcais permitirán consensuar con eles, en primeira persoa e dun xeito máis directo, as liñas de actuación. “É unha decisión que nos permite multiplicar os procesos de participación”, ao igual que son outros dos compromisos “que asumimos e que iremos poñendo en marcha” como son a convocatoria de reunións periódicas do Comité de Dirección nas distintas comarcas, coa participación directa dos militantes, para informar da xestión realizada, planificar accións futuras e render contas ou na capital lucense a recuperación da figura do coordinador de xefes de distrito para potenciar a participación dos militantes.

Polo tanto, a popular, que fará público mañá todo o seu equipo, avanza nas propostas e nos compromisos asumidos e que teñen como finalidade última darlle unha maior participación aos militantes no proxecto que guiará o futuro do PP de Lugo.