Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA SOLICITAR AO MINISTERIO DE FACENDA UNHA MORATORIA DA REVISIÓN CATASTRAL PARA INCORPORAR AS PECULIARIDADES DOS CONCELLOS GALEGOS

O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Facenda unha moratoria no procedemento de revisión catastral para que non se desenvolva sen ter suficientemente valoradas as peculiaridades e a idiosincrasia dos concellos de Galicia. En concreto, e a iniciativa do PP, solicítase unha modificación do Real Decreto 1.020/93, polo que se aproban as normas técnicas de valoración catastral, para incluír un coeficiente de depreciación funcional (entre o 0,20 e o 0,80) para as edificacións destinadas a usos agrarios, extensible incluso a aquelas que estean sen uso por cese de dita actividade.

A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, explicou que “o obxectivo é proceder a unha rebaixa dos valores catastrais das edificacións agrarias, tanto aquelas que manteñen a súa actividade como aquelas que se atopan sen uso polo cese da actividade agraria dos seus propietarios”.

A iniciativa aprobada polo Pleno tamén incorpora, a proposta do Grupo Popular, dirixirse ao Goberno Central para que aprobe unha exención da taxa prevista no proceso de regularización catastral 2013-2016 a futuro, ao tempo que devolva as xa ingresadas nos supostos que afecten ás construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

EXENCIÓNS MÁIS AMPLAS

Así mesmo, a iniciativa parlamentaria incorpora trasladar ao Ministerio de Facenda e aos concellos galegos a necesidade de que as explotacións agrarias e gandeiras galegas teñan exencións o máis amplas posibles na súa tributación. Do mesmo xeito, demanda que se aprobe unha bonificación potestativa no Imposto de Bens Inmobles (IBI) do 95 por cento para as construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

Por último, solicítase o establecemento de fórmulas de colaboración a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para prestarlles o asesoramento preciso aos concellos galegos que o soliciten en relación as súas competencias normativas no IBI e as repercusión que estas poidan ter no seu ámbito financeiro e de equilibrio orzamentario.