O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, á que se sumaron emendas do PSOE e do BNG, a través da que se demanda á Alcaldía de Madrid o mantemento da rúa en memoria de Álvaro Cunqueiro no rueiro desta cidade. Así mesmo, insta ás institucións e entidades culturais de Galicia a honrar publicamente o traballo desenvolvido por Álvaro Cunqueiro, ao tempo que solicita ao Consello da Cultura Galega elaborar un informe sobre a relevancia literaria deste escritor e a súa contribución á defensa e difusión da lingua e cultura galegas.
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, considerou a Álvaro Cunqueiro como “un grande da cultura de Galicia e de España, un home dunha obra tan grande, complexa e extraordinaria que sería mellor pintalo que explicalo, porque faría falta un dicionario enteiro e aínda non chegaría”.
Baamonde lembrou que o feito de retirar a rúa Álvaro Cunqueiro de Madrid “aínda non está consumado, porque o propio Concello xa rompeu a súa relación coa cátedra da Universidade Complutense que elaborou o informe” que relaciona ao escrito co franquismo.
“Sería un acto de intolerancia, revanchismo e cinismo intolerable, propio de listas negras e censura ideolóxica impropia da sociedade actual”, sinalou o portavoz popular. Por este motivo, reclamou “respecto para Cunqueiro e para Galicia”, para o que “invoco a propia Lei de Memoria Histórica que defende o espírito de respecto e non confrontación”.
DECISIÓN SEN FUNDAMENTO
Baamonde sinalou que a decisión de retirar a rúa a Álvaro Cunqueiro “carece de fundamento porque basta con revisar a súa biografía para ver que non tivo participación activa na represión franquista e tamén porque o recoñecemento outorgado a Cunqueiro e outras persoas incluídas nese listado non foi pola súa afiliación franquista, senón polo valor inmenso da súa obra”.
“A opinión pública outorgoulle o seu recoñecemento e o levou a categoría de referente da cultura de Galicia e España e colocouno na historia”, lembrou o portavoz popular, quen fixo referencia á “gran cantidade de rueiros e prazas que levan o seu nome, entre eles o novo hospital público de Vigo”.
Deste xeito, apuntou que “quen é capaz de concitar tal unanimidade e impacto na conciencia colectiva desta terra non pode ser denostado como franquista”, ao tempo que salientou o seu papel galeguista e o dominio extraordinario tanto da lingua galega como da castelá”.