O Grupo Provincial do PP logra que a Deputación de Lugo triplique neste ano a achega económica do Plan de Obras e Servizos para obras municipais, ademais de verse beneficiados os concellos nunha redución da contía que están obrigados a dirixir a este plan e que será cuberta pola administración provincial.
O vicevoceiro Carlos Armesto agradece que o traballo, a “insistencia” e o “esforzo” dos populares empecen a dar os seus froitos e que o equipo de Goberno da Deputación “empece a mover ficha e a adoptar acordos que beneficien a todos os concellos da provincia”.
O deputado popular defendeu a importancia desta proposta coa que “logramos que no 2016 haxa un plan de obras mellorado” xa que ata o de agora “Lugo tivo o peor POS das catro deputacións galegas, insuficiente economicamente, na que a achega dos concellos a obras municipais superaba a da Deputación”.
De igual xeito, os populares continuarán a loitar “por un verdadeiro plan en sucesivas anualidades e que este continúe a mellorarse, incluíndo tamén unha maior dotación económica para a rexeneración das vías provinciais”.
A Deputación de Lugo ten como principal competencia a “colaboración con todos os concellos da provincia e este é o único plan igualitario que permite a inclusión de todas as administración locais, sen discriminación entre concellos”.
A Deputación insta a que se readmitan os traballadores despedidos do GES en A Fonsagrada e Guitiriz
A iniciativa do Grupo Provincial do Partido Popular, o pleno da Corporación, co voto en contra dos socialistas, acordou instar aos Concellos de Guitiriz e da Fonsagrada a que declaren nula a resolución na que se acordou o despedimento dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos no GES e, en consecuencia, se readmitan á maior brevidade posible.
A voceira dos populares, Elena Candia, explicou que se está ante unha situación que “afecta a familias, con nomes concretos, con veciños que están na rúa” cando existe unha recomendación tanto da Xunta como da FEGAMP para que continúen prestando o servizo do GES os mesmos efectivos que o viñan facendo con anterioridade.
A popular lamentou que o alcalde da Fonsagrada, tamén deputado provincial, “non rectifique”, escudándose en informes e na situación económica do Concello “cando excepto en dous municipios, no resto continúan prestando o servizo do GES os mesmos efectivos”. “O único responsable desta situación é o rexedor”, matiza Candia.
Os populares presentaron esta iniciativa, ao considerar que a decisión de manter os mesmos traballadores implicaría unha “xestión máis eficaz, unha mellor prestación do servizo, ademais de non destinar diñeiro público a cubrir os gastos por despedimentos”.
Urxencia nas obras da estrada do Cadramón, O Valadouro
Os populares levaron hoxe a pleno unha iniciativa na que demandaban o arranxo da estrada LU-P-0101 ao seu paso pola parroquia do O Cadramón, en O Valadouro, tras terse producido un afundimento. O deputado José Manuel Yanes Ginzo agradece que o Goberno provincial remitise as máquinas para o seu arranxo e solicítalle que “que acometan estas obras coa maior urxencia posible” xa que os veciños vense illados por mor deste derrubamento.
Desculpas de Sonsoles López
O Grupo Provincial do PP agradece as desculpas que ao final do Pleno ten trasladado a deputada socialista Sonsoles López tras ter acusado aos populares de «agresores das mulleres». «Lamentamos que a rectificación da deputada non se produciran de xeito inmediato, pero de igual modo estimamos que se teña producido e demandámoslle non se repita unha situación semellante que pouco di a favor dos responsables públicos que ostentan cargos nas institucións», explica Candia.