O Grupo Provincial do PP vén de presentar unha moción de urxencia para o seu debate no Pleno ordinario do vindeiro martes día 23 na que lle demanda á Deputación o arranxo “de maneira urxente” da estrada LU-0-0101 ao seu paso pola parroquia de O Cadramón, en O Valadouro, tras terse producido un afundimento.
Os populares demandan ademais que, mentres non se realicen as obras, o Goberno provincial articule unha ruta alternativa para o paso dos vehículos. “Esa estrada podería ser a LU-P-6306 que tamén precisa dunha actuación inmediata ante o mal estado que presenta o seu firme”, explica a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia.
Así, a Deputación debe intervir en dúas vías, a estrada LU-P-0101 de Gontán a Ferreira do Valadouro e na LU-P-6306 de Cadramón a Pereiro. A primeira delas atópase cortada ao tráfico actualmente por mor dun derrubamento, o que ten motivado as queixas dos veciños ao verse illados e practicamente incomunicados. Trátase da vía que une esta parroquia con Abadín e coa capitalidade municipal, Ferreira do Valadouro.
A vía alternativa, a LU-P-6306 podería ser unha solución alternativa, pero tamén se atopa nunhas condicións lamentables, polo que o PP demanda que se actúen en ambas as estradas de maneira urxente para darlle resposta ao problema que sofren os veciños e veciñas afectados.