O presidente do Comité Organizador do XVII Congreso do Partido Popular na provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou esta mañá a proclamación definitiva de dúas únicas candidatas, Elena Candia e Raquel Arias, para optar á presidencia provincial desta formación política e relevar ao actual presidente, José Manuel Barreiro.
Ambas as aspirantes teñen superado o número mínimo de apoios válidos –un mínimo de 75 militantes- previsto no artigo 31 do Regulamento de Organización do Congreso Extraordinario.
Campaña electoral interna
Balseiro informa tamén que, en aplicación do disposto na normativa de organización do Congreso, da comezo a campaña electoral interna, que se inicia hoxe 15 de febreiro e que finalizará o vindeiro domingo día 21.
Durante a campaña a Comisión Organizadora garantirá ás candidatas a igualdade de oportunidades, asegurará a neutralidade da organización e velará pola transparencia de todo o proceso. Nese senso, Balseiro adianta que o PP de Lugo puxo a disposición de ambas as candidatas todos os medios do partido, para achegarse aos 12.222 afiliados populares lucenses.