O Comité Organizador do XVII Congreso Provincial Extraordinario que celebrará o vindeiro 6 de marzo o PP de Lugo explica que hoxe se presentaron dúas candidatas a suceder ao actual presidente, José Manuel Barreiro. Unha delas é a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a outra a alcaldesa de Mondoñedo e voceira do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia.
A primeira das candidatas presentou un total de 690 sinaturas, mentres que a segunda entregou 1.450 firmas. A cantidade mínima para poder participar neste proceso era de 75 sinaturas, tal e como fixa o regulamento do congreso.
O luns coñecerase a cifra final, tras o reconto e comprobación das sinaturas. Ese mesmo día farase a proclamación de candidatos e dará comezo a campaña electoral interna. O Pleno do congreso farase o seis de marzo no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.