Partido Popular de Lugo

José Manuel Barreiro: “A unidade é o activo máis importante do PP de Lugo”

O presidente provincial do Partido Popular en Lugo e voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro, afirmou hoxe que “a unidade é o activo máis importante do PP de Lugo”. Barreiro anunciou esta tarde que non se presentará ao congreso provincial no que se elixirá novo presidente do partido, convocado para o vindeiro 6 de marzo.

Barreiro explicou as súas razóns para non repetir como presidente, despois de 14 anos no cargo. Responden, tal e como dixo, a tres principios: a responsabilidade, a lealdade e a coherencia política. Engadiu que o seu posto como voceiro no Senado “nun mandado especial” obriga a redobrar os esforzos, o que esixe unha especial dedicación.

Tivo palabras de agradecemento para todos os militantes, os alcaldes e voceiros, así como para o secretario xeral , José Manuel Balseiro, para o presidente do partido e Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e para o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy. Feijóo participou esta tarde en Lugo na xunta directiva na que Barreiro trasladou a súa decisión.

Balance

“Se de algo estou satisfeito é de que gañamos todas as eleccións e mantivemos a unidade do partido, aspecto que considero fundamental”, engadiu.

O presidente provincial subliñou a importancia de que outros asuman a tarefa e sexan capaces de levar a cabo un debate interno e transparente para a acadar o mellor camiño de cara o futuro. Nese sentido, Barreiro incidiu en que “non é o congreso de ningún tipo de dirección, senón da militancia do PP de Lugo”.

Na súa intervención ante os medios indicou que seguirá o proceso “desde a imparcialidade absoluta, o respecto, o apoio e o recoñecemento a quen estime dar o paso porque non é unha tarefa sinxela. Que estea disposto demostra o seu compromiso co partido”, dixo.

Barreiro animou a “dar o paso” aos que teñan esa vocación sen perder de vista que o activo fundamental do PP de Lugo é, e debe seguir sendo, a unidade.