O Grupo Provincial do PP considera “intolerable e extremadamente grave” que o presidente da Deputación asuma, como recollen os medios de comunicación, que só atenderá “parte dos acordos plenarios” en relación ao proxecto de Orzamentos da institución para 2016, actualmente prorrogados.
Os populares recórdanlle ao Señor Campos que entre as obrigas do seu cargo se atopa, tal como fixa a Lei e o propio regulamento da Deputación, ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos da Deputación. “É unha das atribucións ás que non pode renunciar, polo que nos parece moi grave que diga que non as van atender todas, senón parte”, explica a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia.
A voceira dos populares precisa que con este tipo de declaracións o Señor Campos demostra novamente que o cargo lle queda grande, polo que lle pida que “de maneira irrenunciable” cumpre coas obrigas propias da súa posición na Deputación ou renuncie a elas”. “Terá que explicarnos ademais cales son os acordos que pensa cumprir e os que non, se vai aceptar só o que lle esixa o seu socio de Goberno ou os que mandan máis ca el no bipartito”.
Á espera da chamada do bipartito
En relación coa próxima reunión para avanzar na aprobación dos Orzamentos de 2016, os populares esperan que lles fagan entrega por escrito da nova proposta do bipartito. “Saben cales son as nosas demandas, entre elas o cumprimento escrupuloso de todos e cada un dos acordos do Pleno, polo que se realmente teñen intención de dar un paso adiante nas negociacións, deberan empezar por comprometerse coas funcións que lle son propias”.
Así, Elena Candia afirma que agardan que o bipartito lles traslade por escrito a nova proposta para ver se realmente teñen vontade de avanzar na aprobación dos Orzamentos.