Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP acusa ao presidente da Deputación de ocultar información sobre o funcionamento de Suplusa

O Grupo Provincial do PP acusa ao presidente da Deputación de Lugo de ocultar información sobre o funcionamento de Suplusa. Os populares demandaron na última reunión coñecer aspectos concretos sobre as políticas e directrices da sociedade e, “a día de hoxe”, aínda non obtiveron resposta por parte do Señor Campos.

Así as cousas, os populares veñen de pedir que se convoque “á maior brevidade posible” unha reunión extraordinaria do Consello de Suplusa para acordar o exercicio de accións no eido da competencia do Consello de Administración.

Os Estatutos reguladores da Sociedade Urbanística establecen no seu artigo 14 que o Consello de Administración se reunirá en cantas ocasións o convoque o presidente ou quen o represente. O presidente deberá convocar reunión extraordinaria cando o soliciten, polo menos, catro conselleiros, que son os que presentan a petición do PP.

En concreto, os populares queren que Darío Campos aclare a que vai destinar os gastos que pode autorizar o presidente, que son todos aqueles que non superen os 150.000 euros. Tamén reclaman datos os programas de actuación e a memoria de actividades e todas aquelas decisións sobre o funcionamento da sociedade que o bipartito “está levando a cabo de costas ao Consello de Administración”.