Partido Popular de Lugo

Barreiro amosa o pesar dos populares lucenses polo falecemento de José Serafín Pena Souto

Lugo, 3 de febreiro de 2016.- O Presidente provincial do Partido Popular de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, amosou o seu pesar polo falecemento do ex concelleiro e ex deputado autonómico José Serafín Pena Souto.

“Con moita dor hoxe despedimos a unha persoa que constituíu todo un referente político para a gran familia dos populares lucenses. Loitador incansable, home comprometido cos seus veciños, cos lucenses, supón unha gran perda, a marcha dun compañeiro que merece todo o noso recoñecemento tras unha vida de servizo público con maiúsculas”

Barreiro, poñendo voz ao sentimento de tristura que une aos afiliados e simpatizantes do partido, quere transmitir o máis sentido pésame á familia  do falecido a quen traslada ademais unha fonda aperta.

Un dos concelleiros máis lonxevos

O presidente provincial lembra que Pena Souto foi un dos concelleiros máis lonxevos da Corporación Municipal de Lugo onde, de feito, foi edil desde 1974 ata o ano 2007 o que o converteu nun “espectador, artífice e co protagonista de moitos dos cambios que experimentou a cidade e o consagrou como un defensor a ultranza das melloras nos servizos do ámbito rural e da calidade de vida das persoas que alí residen”.

Pena Souto foi deputado autonómico, durante a cuarta e quinta lexislatura, onde deixou unha fonda pegada, como defensor da provincia e chegou a vicepresidencia da Comisión de Economía.