Partido Popular de Lugo

Os populares lamentan a “nula vontade” do bipartito na Deputación por aprobar uns Orzamentos “que beneficien a todos os Concellos da provincia”

O Grupo Provincial do PP lamenta a “nula vontade” do bipartito na Deputación por aprobar uns Orzamentos “que beneficien a todos os Concellos da provincia”. Os populares mantiveron esta tarde unha nova xuntanza de voceiros na que PSOE e BNG ofreceron un incremento do Presuposto de 2,3 millóns de euros, cando as peticións do PP, propostas para axudar a todos os Concellos de Lugo, suman preto de 8 millóns de euros. Así, tan só darían resposta ao 28% do que se lle solicita, unha contía que o PP non pode aprobar.

Os populares puxeron enriba da mesa as súas demandas desde a primeira xuntanza, polo que pedirán que, de existir novas propostas, se lles entreguen por adiantado e por escrito “para evitar perder o tempo en reunións nas que non avanzan nada con respecto ás anteriores”.

A voceira do PP, Elena Candia, explica que o seu grupo mantén, desde o inicio, “a mellor dispoñibilidade” en aras a acadar o mellor para toda a provincia, polo que sostén que seguen abertos a novas propostas nas que se inclúan a totalidade das súas demandas, aquelas referidas ao POS e aos servizos sociais, entre outras.

Os populares aclaran ademais que non van consentir que o Goberno provincial siga a expensas dos seus enfrontamentos co Señor Martínez mentres non se lle dan resposta aos problemas que ten a provincia. 

“Se non teñen vontade de diálogo ou manteñen a súa nula capacidade para negociar, que sometan os Orzamentos ao Pleno para que sexa este órgano soberano o que decida. O que non imos é seguir participando das maniobras dilatorias do presidente nas que vemos que non existe vontade real de chegar a acordo ningún”, conclúe.