O Grupo Provincial Popular esíxelle “altura de miras” ao bipartito na Deputación e úrxelle a incorporar as súas demandas aos Orzamentos “polo ben da institución e, o que é máis importante, polo ben de todos e todas as veciñas desta provincia”. Os populares déronlle de marxe a socialistas e nacionalistas ata mañá venres ás dúas da tarde para modificar o proxecto orzamentario para este ano, actualmente prorrogado.
En concreto, as demandas do PP, expostas nas tres xuntas de voceiros ás que teñen asistido, pasan por incrementar os recursos destinados ao Plan de Obras e Servizos (POS), asumir o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como que se respecten os acordos que a institución ten tomado. Entre eles, os populares reclaman que se cumpra co acordado en Suplusa, que non se modifique o acordo do Pleno de organización para meter “pola porta de atrás” a oito novos asesores e que se garanta que os Concellos da provincia recibirán os fondos comprometidos cando Elena Candia presidía a institución para o financiamento de obras e servizos básicos.
“Non existe un goberno en maioría, polo que consideramos que o máis responsable sería tratar de chegar a acordos que beneficien a todos os lucenses”, explica a voceira dos populares, Elena Candia. Por iso, os populares defenden que as decisións se adopten no único órgano onde se atopa a pluralidade política que é no Pleno “onde se pode ver con transparencia as achegas que fai cada grupo”, engade.
A voceira do Grupo Provincial do PP recorda que ata o día de hoxe mantiveron tres xuntanzas de voceiros “nas que non víamos máis alá que maniobras dilatorias e non se avanzaba nas nosas peticións”. É por iso que os populares se puxeron de prazo ata mañá venres para que as súas peticións sexan tidas en conta “porque esta provincia non pode seguir á espera duns señores máis preocupados polas liortas internas que por darlle solución aos problemas reais dos cidadáns desta provincia”.
“En cada reunión puidemos comprobar que non existe a vontade de negociar, non hai flexibilidade nin en cantidades nin en prazos para chegar a acordos, non polo ben do goberno, senón polo da provincia, ó único obxectivo que rexe a nosa acción”, conclúe.