A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, afirma que o seu grupo “non consentirá” que a censura se impoña na Deputación de Lugo. Así o asegura tras a sesión do Pleno de hoxe no que unha das mocións presentadas polo Partido Popular sobre a relación de postos de traballo da institución tivera que quedar enriba da mesa “por imperativo legal do Señor Campos”.
“Néganse a darlle as competencias ao Pleno que lles son propias, non aceptan modificar o regulamento de funcionamento da institución, non acatan os acordos que se toman no Pleno e agora ademais asumen comportamentos ditatoriais para tratar de acalar as nosas peticións”, censura.
Os populares consideran que a situación que viven a Deputación de Lugo responde ao sen goberno e á sen razón, polo que botarán man de todos os instrumentos xurídicos ao seu alcance para garantir “o único que nos move nas nosas accións: que os veciños e veciñas desta provincia vexan que se resolven os seus problemas”.