A voceira do Grupo Provincial do PP de Lugo, Elena Candia, lamentou esta mañá “que o primeiro que herdara o Señor Campos sexa a vagancia de Besteiro” á hora de pórlle solución aos problemas desta provincia. Así o puxo de relevo tras o incumprimento do bipartito da moción presentada e aprobada no último pleno ordinario na que os populares demandaban que os Orzamentos da Deputación de Lugo foran presentados antes de quince días, un prazo que non se ten respectado. “Ao Señor Campos quédalle moi grande a institución e a situación que está a vivir cos seus compañeiros”, engadiu Candia.
A voceira, que compareceu acompañada dos vicevoceiros Juan Carlos Armesto e José Antonio García, explicou que os Orzamentos seguen a acumular un retraso “alarmante e intolerable”, posto que xa tiñan que ser aprobados antes de comezar o 2016. “Lamentamos que o Señor Campos non atenda as necesidades da provincia e as súas obrigas como presidente e consideramos inaceptable ademais que se incumpran os acordos tomados pola maioría do Pleno”, matizou.
Elena Candia considerou que este xesto do bipartito “é un insulto para este grupo, o maioritario, para os cidadáns que nos teñen apoiado, pero non só. É un insulto para todos e todas os lucenses que vén que o goberno provincial desatende as súas inquedanzas e problemas”. A popular afirma que socialistas e nacionalistas deixan á vista “a incapacidade para xestionar esta administración, posto que non contan cun proxecto para esta provincia ni coas gana e o empeño necesario para sacalo adiante”.
O Grupo Provincial Popular asegura que este incumprimento por parte do bipartito tamén pon de manifesto que cando foron ao Parlamento nos mentiron, mentíronlle a todos os lucenses, anticipando as liñas mestras duns orzamentos que non existen. “Nin naquel momento no Parlamento, nin a día de hoxe teñen un proxecto de Orzamentos para esta provincia, posto que seguimos sen coñecer os investimentos que se levarán a cabo este ano”, engadiu Candia.
“Do Señor Campos polo de agora só sabemos que non respecta os acordos do pleno e que cando hai que apoiar decisións importantes como aumentar o Orzamento de Suplusa para beneficiar a todos os concellos, decide darlles as costas e votar en contra. En todo este tempo só lle temos visto tomar unha decisión: manter un vehículo de alta gama para viaxar. En ningún momento, en ningunha das poucas decisións que ten adoptado este presidente, tivo en conta os intereses desta provincia e dos lucenses”, concluíu.