O Grupo Provincial do PP na Deputación consegue que o bipartito elimine os gastos que quería que asumiran os concellos polo desenvolvemento das súas áreas industriais. Os catro conselleiros de Suplusa representantes do Grupo Provincial Popular participaron hoxe na reunión extraordinaria do Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, SUPLUSA, celebrada a petición do PP, na que conseguiron retirar a cláusula proposta polo bipartito na que dicían que a “Deputación financiará, a través de Suplusa, a construción do proxecto de urbanización daqueles terreos propostos polos Concellos e aceptados e adquiridos por Suplusa que dispoñan, a cargo de cada Concello, dos servizos suficientes (abastecemento, enerxía e rede de sumidoiros) para o desenvolvemento das actuacións propostas”.
Os populares explicaron que debe ser a Deputación provincial á que asume estes gastos. “O contrario sería discriminar a aqueles Concellos que contan con menos recursos”, explica a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia.
O PP logra ademais que a institución gobernada por PSOE e BNG financie “inicialmente” o desenvolvemento de áreas industriais de xeito inmediato de seis concellos da provincia, que teñen trasladaron esta necesidade. En concreto, levaranse a cabo actuacións en Riotorto, Pantón, Baralla, Carballedo, As Nogais e Cospeito. Tamén se actuará en Begonte coa reparación da nave taller de pedra.
Os populares demandaron ademais o impulso ás residencias de atención a persoas maiores pendentes de finalizar, entre elas A Fonsagrada, Trabada, Riortorto, Meira, Pol, Castroverde, Guitiriz, O Saviñao, Ribas de Sil, Pedrafita e Navia de Suarna.