Os representantes do Grupo Provincial do Partido Popular no Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa), Elena Candia, José Antonio García, Manuel Jesús González Capón e José Ulla, remitiron hoxe ao presidente do organismo, Darío Campos, a solicitude na que urxen, na maior brevidade posible, a convocatoria dunha reunión extraordinaria do consello.
A voceira dos populares e conselleira de Suplusa, Elena Candia, explica que é necesario que se acorde o exercicio de accións da Sociedade no eido de competencia do Consello de Administración. A popular reproba a “inacción” do presidente do organismo, Darío Campos, que dende a constitución do novo consello o pasado sete de decembro, “non foi quen de convocar ningunha reunión na que se establecese o plan de actividades”.
Candia lamenta que o socialista continúe na súa liña de falta de traballo “centrado unicamente nos seus intereses partidistas e nos problemas do seu partido” e manteña a Suplusa “nun estado de parálise intolerable”. De feito, a popular lembra que durante o mandato do novo Goberno provincial bipartito “non se celebrou ningunha xunta xeral a iniciativa do PSOE ou do BNG, senón que a convocada a principios de mes para a constitución do novo consello foi solicitada polos populares”.
“Ante un PSOE dividido e un BNG sen rumbo nin criterio, o Grupo Popular somos a alternativa clara de goberno e somos os que imos desbloquear este organismo”, garante a popular. Candia engade que “recuperaremos o normal funcionamento da institución e levaremos a este próximo consello, cuxa celebración vimos de solicitar, propostas positivas para a provincia”.