O vicevoceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, José Antonio García, alerta de que a inexistencia dun proxecto de Orzamentos xerais para 2016 na Deputación de Lugo pon en perigo as axudas económicas que a institución provincial dirixe tanto a entidades como a Concellos.
José Antonio García lamenta a situación que se está a vivir na Deputación lucense derivada da falta de compromiso e de traballo do bipartito provincial que ocasiona que, por primeira vez, “se finalice o ano sen que sexan remitidas as contas ao pleno, incumprindo deste xeito os prazos establecidos por lei, e afectando de xeito xeral a toda a provincia”.
O vicevoceiro dos populares explica que a inexistencia duns orzamentos da Deputación para a vindeiro ano xeran “inseguridade” tanto en colectivos, asociacións como nos propios Concellos. “As administracións locais descoñecen a estas alturas do ano as achegas que recibirán da administración provincial, de aí que se dificulte a aprobación dos mesmos orzamentos municipais”, referiu o deputado popular, quen exemplificou, como caso concreto, que “nesta situación non pode haber previsión de seguridade nas achegas da Deputación a través dos convenios correspondentes ás subvencións nominativas”.
O Grupo Popular censura que se está ante unha situación “caótica”, froito da parálise que se está a vivir na Deputación de Lugo. “O bloqueo é manifesto e deriva da incapacidade do equipo de goberno de sacar adiante os seus propios orzamentos, a través dos que se dea resposta ás necesidades das veciñas e veciños da provincia”, di o popular.
José Antonio García reitera que toda a provincia de Lugo “está a sufrir unha especie de bipartito non completo: concellos, asociacións, clubs deportivos, entidades sociais… Toda programación orzamentaria desta provincia e na que ten que ver a Deputación está paralizada a causa dun Goberno bipartito que non cumpre coas súas obrigas e se mantén centrado nas súas liortas internas e nos seus intereses políticos”.