Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP solicitará un consello de administración urxente de Suplusa

Lugo, 7 de decembro de 2015.- O Grupo Provincial do PP solicita un consello de administración urxente de Suplusa logo de que hoxe se constituíra o novo consello de administración na xunta xeral, na que o PP terá catro membros, a representación maioritaria. O PSOE terá 3 membros, 1 o BNG e outro Manuel Martínez, polo grupo de non adscritos, de maneira que o bipartito perde a maioría no consello de administración.

Os populares explican que neste mandato non se ten celebrado ningunha xunta xeral, o que consideran unha paralización intolerable da sociedade urbanística, polo que urxen a que recupere o seu funcionamento “de maneira inmediata”.

Elena Candia asegura que a nova composición do Suplusa amosa a representatividade da Deputación provincial, na que o PP foi o que obtivo máis apoios. Os populares consideran ademais que a institución segue a vivir unha situación esperpéntica tras o apoio do PSOE á Martínez como vicepresidente e o voto en contra do BNG. “O PP vai aproveitar esa situación que viven para ser a garantía de futuro desta provincia e para que unha entidade coa importancia de Suplusa retome o seu normal funcionamento”, engadiu a voceira.

“Somos o grupo que gañou as eleccións, e somos o que imos desbloquear este organismo e facer propostas en positivo para a provincia”. “Somos a alternativa de goberno ante un PSOE dividido e un BNG sen rumbo nin criterio”, sostivo.

A xunta de hoxe celebrouse a petición do PP co obxectivo de que a entidade retome o seu normal funcionamento. Así, Elena Candia avanzou que esta mesma semana presentará un plan de actividade e financiamento para 2016, e co horizonte de 2020. Candia recordou que Suplusa conta cun orzamento de máis de 6 millóns de euros e se ocupa, entre outros proxectos, da construción das mini-residencias comprometidas polo equipo de Goberno.