O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo consegue reforzar as competencias do Pleno para garantir o bo funcionamento da institución. O PP logrou a aprobación dunha moción na que se acorda unha modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación co obxecto de que se restablezan no pleno todas as súas competencias, que no seu día foron delegadas á Xunta de Goberno.
A voceira do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, explicou na súa intervención que se trata “dun acordo de mínimos para empezar a traballar nunha proposta que consiga superar a debilidade interna que atravesa o bipartito”. O PP ofreceulle a súa colaboración ao resto dos grupos con representación no Pleno para chegar a un acordo por unanimidade.
“Nós non temos problema por reunirnos dúas ou tres veces ao mes se é preciso e xa avanzamos que se o temos que facer renunciaremos ás dietas”, engadiu.
Os populares fan esta proposta atendendo á debilidade interna que vive o bipartito e a que a Xunta de Goberno da institución non é representativa da vontade da Corporación. “Parécenos que será a única maneira de garantir unha xestión pública responsable, eficaz e transparente, ante a debilidade dun goberno en minoría, enfrontado, e que xa ten manifestado en numerosas ocasións a súa incapacidade para xestionar a institución”, resumiu a voceira.
Outros acordos
O Grupo Popular na Deputación de Lugo alcanzou o apoio do Pleno por unanimidade para dotar de fondos o arranxo da estrada de titularidade provincial que une Monforte e Currelos. A estrada presenta na actualidade un firme moi deteriorado que pode chegar a ocasionar graves problemas de seguridade unha vez que abra a apertura do corredor e se incremente a densidade do tráfico, este mesmo venres.
O PP votou a favor da moción relativa á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e a apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto comercial. Trátase dunha iniciativa que os populares sempre defenderon, pese á abstención do PSOE e o voto en contra que o BNG emitiu cando a iniciativa se presentou en Madrid. Os populares apostan por abrir o dique norte ao tráfico, polo que avogan porque o Goberno manteña conversas coa empresa Alcoa para desfrutar dunha zona de atraque a maiores da que xa existe.
O PP votou en contra da proposta sobre a derrogación da Lei 27/2013 ao entender que non se vai perder atención social nos concellos, tal e como defendeu a deputada Mari Teijeiro. Os populares tampouco apoiaron a moción do BNG relativa á derrogación da suba do canon de Sogama, posto que non se achegou ningunha solución alternativa á recollida e tratamento do lixo en Galicia. O Grupo Municipal do PP na Deputación recorda que Sogama é quen menos cobra do Estado pola recollida do lixo, ao tempo que realiza unha aposta clara pola mellora medioambiental.