Os concelleiros do Grupo Municipal Popular amosáronse preocupados polo elevado nivel de gastos que o Concello de Ribadeo ten que asumir en concepto de indemnizacións por despedimentos de traballadores municipais declarados improcedentes pola Xustiza
O voceiro popular, Jesús López Penabad, formulará unha pregunta no pleno previsto para as 20.30 horas deste xoves, interesándose polo custe total que para os veciños de Ribadeo están a ter estas condenas.
Penabad denuncia a xestión do alcalde que, tras subir o seu soldo e o do equipo de goberno e persoal de confianza, despilfarra máis diñeiro público perdendo xuízos contra traballadores municipais.
Os populares observan que o nacionalista Suárez Barcia busca culpables fóra e nunca na súa persoa, incluso cando a Xustiza determina que está vulnerando os dereitos laborais dos traballadores aos que cesa do seu posto sen amparo legal.
NOVO CASO DE DESPEDIMENTO IMPROCEDENTE
“Unha vez máis sabemos que o Concello de Ribadeo vese obrigado polos tribunais a pagar unha cuantiosa indemnización debido a desafortunada intervención do alcalde, que considera o Concello como o seu cortixo particular, se ben os gastos non os paga el do seu peto, senon que repercuten no conxunto dos veciños de Ribadeo”
Os populares queren poñer de manifesto a nefasta xestión do equipo de goberno do BNG que non só está supoñendo ineficacia na gobernanza dos asuntos municipais senón un grave prexuízo económico para o pobo, en conclusión, as actitudes e decisións do alcalde están saíndo moi caro ás veciñas e veciños do municipio.