O Partido Popular da Pastoriza censura que o Goberno da localidade, integrado por socialistas e nacionalistas, fose “incapaz” aínda de cubrir a praza de conserxe do colexio do municipio. “Hai dous meses que os nenos iniciaron o curso académico e no centro non se dispón deste servizo dada a vagancia do alcalde e dos seus socios da administración local”, matizan.
Dende a agrupación local do PP explican que esta situación “vén derivada da pouca seriedade coa que o bipartito actúa ante as necesidades dos veciños”. Os populares expoñen que o Concello non publicou a convocatoria para a selección dun conserxe ata o seis de outubro, é dicir, “case un mes despois de que se abriran as aulas”. “A día de hoxe non foron quen de resolver este procedemento pese ao tempo transcorrido e a urxencia deste persoal no colexio. O resultado do concurso de valoración de méritos non se publicou ata onte e o prazo de reclamación finaliza o 14 de novembro”, engaden.
Os populares consideran que esta praza temporal xa debera cubrirse coincidindo coa data de inicio do curso académico pero “os socialistas e os nacionalistas do Concello, coma noutras áreas, facendo uso do seu inmobilismo, actúan tarde, e causan que durante dous meses o colexio da Pastoriza non teña un conserxe”. Dende a agrupación local popular din que “se está ante unha mostra máis da vagancia do alcalde e dos seus socios de goberno. Actúen e traballen pola Pastoriza e fagan os trámites en prazo. Unha persoa xa podería levar dous meses cun posto de traballo, e o centro educativo xa debería dispoñer dos servizos desta persoa dende o primeiro día de clase”.
Polo tanto, os populares lamentan esta situación e esixen que “a partir de agora se actúe con responsabilidade. Deben traballar todos os días polos veciños, é a súa responsabilidade”, conclúen.