A voceira do Grupo Provincial da Deputación, Elena Candia, acusa aos socialistas e aos nacionalistas no Goberno da Deputación de “paralizar” a institución lucense “mentres só se preocupan polos seus problemas internos”; ao tempo que lles esixe que “se poñan a traballar, que estean á altura das circunstancias e que solucionen os problemas dos cidadáns”.
A voceira dos populares lucenses fai estas declaracións transcorrido máis dun mes da celebración da moción de censura e “dende aquela amosáronse incapaces de levar á Xunta de Goberno algunha iniciativa que poña en funcionamento á Deputación de Lugo”. Candia lamenta que os únicos acordos adoptados se limiten a paralizar proxectos demandados polos cidadáns, como é o da iluminación do paseo fluvial do río Rato, cuxo expediente de contratación fora iniciado polo Partido Popular no Goberno.
“Temos un Goberno provincial paralizado, que incumpre cos cometidos que lle son propios e cuxa única actuación durante máis dun mes se centrou en denigrar a imaxe da institución lucense”, di Candia, quen asegura que “os veciños están fartos desta situación e das súas liortas internas. Estamos ante unha situación de desgoberno inédita en toda a historia da institución”.
A voceira dos populares tamén criticou que os socialistas e os nacionalistas non sexan quen de avanzar nos orzamentos da institución para o ano 2016. Candia lémbralle ao bipartito que están a incumprir con creces o prazo establecido na Lei Reguladora de Facendas Locais (15 outubro), para presentar ao pleno as contas para o próximo ano.
Polo tanto, o Grupo Provincial do Partido Popular esíxelle aos socialistas e aos nacionalistas que se poñan a traballar, que atendan as súas competencias, que dean resposta aos problemas dos cidadáns e que deixen as súas liortas internas e o espectáculo ao que someteron a esta institución.