O Partido Popular interpelará ao Goberno galego no Parlamento de Galicia sobre a residencia de Ribadeo. O Grupo Municipal pediu aos deputados da Mariña, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra que presentasen unha iniciativa, xa rexistrada, para interesarse sobre esta cuestión.
“Cremos que as veciñas e os veciños merecen coñecer de primeira man, a través dunha resposta en sede parlamentaria, os datos que demostran o bloqueo á colaboración da Xunta que o alcalde mantén desde fai quince meses”
RETARON AO ALCALDE
Os populares lembran que retaron ao alcalde a facer pública toda a documentación e incluso a solicitaron por vía oficial a través do rexistro do Concello, sen éxito, ata o de agora
“Seguimos reclamando que o nacionalista Suárez Barcia dea a coñecer aos veciños a proposta de convenio de colaboración que a Xunta lle remitiu en agosto do ano pasado. Seguimos reclamando que dean a coñecer aos veciños as respostas incompletas remitidas polo Concello, que probarán que leva 15 meses sen remitir os documentos solicitados pola Xunta”
QUINCE MESES DE ESPERA
O PP di que o goberno do BNG, non teñen dereito a impedir a colaboración da Xunta de Galicia para a construción da residencia de Ribadeo e lembran que desde a administración autonómica se presentaron dúas ofertas para axudar neste proxecto: a posibilidade de concertar 40 das 47 futuras prazas e, cando esta foi rexeitada polo alcalde, a posibilidade de achegar 500.000 euros para axudar á financiación das obras
“Para facer realidade esta axuda o Goberno ten que cumprir a lei, e a lei esixe que o Concello presente diversa documentación e, entre elas un informe de viabilidade. Este informe dirá cómo se xestionará e financiará a futura residencia, e parece ser que agochar a resposta a estas preguntas é o único obxectivo do alcalde, que segue bloqueando a colaboración da Xunta”
RECUPERAR CONSENSOS
Por outra banda, os populares concordan e agradecen a postura seguida por Ciudadanos, cando hoxe –a través do medios de comunicación- fai públicas as dúbidas que existen sobre o modo que o alcalde financiará a construción da residencia.
“É unha postura lóxica formular esta pregunta vendo como o alcalde nega a axuda da Xunta”
Desde o PP insisten en que queren que a residencia poida ser unha realidade e por iso fan un chamamento para recuperar o consenso. Estarían incluso dispostos a sumarse á Comisión pro-residencia para o que é necesario que se cumpran dúas condicións: “Que se cumpra a lei e, polo tanto, que o Concello remita os informes, e que non se siga defendendo a un alcalde que cos seus actos de bloqueo pon en perigo a financiación da residencia”