Lugo 03 de novembro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, esíxelle ao presidente da institución, Darío Campos, que dea explicacións públicas despois de coñecer a través dos medios de comunicación a existencia dunha serie de denuncias de veciños por supostas irregularidades nas obras de construción da vivenda e do muro de peche da casa do socialista.
O vicevoceiro dos populares, Carlos Armesto, considera “necesario” e “urxente” que o presidente da Deputación de Lugo aclare “todas e cada unha das incertezas existentes” tras que se puxeran de relevo múltiples denuncias de veciños sobre presuntas irregularidades urbanísticas nas que puido incorrer o socialista.
Carlos Armesto defende que “quen preside unha institución non pode xerar este tipo de dúbidas e debe disipar de maneira inmediata calquera incerteza existente ao respecto”. “A existencia de dúbidas sobre o seu proceder e a posibilidade de aproveitarse dun cargo para non cumprir coa normativa existente dana de xeito directo a imaxe da Deputación e do seu propio presidente”, matiza Armesto.
Polo tanto, “e antepoñendo sempre a presunción de inocencia e o libre traballo da Xustiza, o presidente deberá dar explicacións ao respecto e esclarecer cal é a realidade desta situación” e no seu caso e, de ser necesario, “asumir as responsabilidades oportunas”.