Partido Popular de Lugo

Lugo será a provincia galega que en 2016 recibirá máis investimento por habitante

Lugo, 20 de setembro de 2015.- Jose Manuel Balseiro salientou hoxe que Lugo é a provincia galega que recibirá máis investimento por habitante da Xunta en 2016. O secretario xeral do Partido Popular lucense puxo de relevo este dato nunha primeira valoración das contas autonómicas para o ano próximo, que foron presentadas esta mañá no Parlamento de Galicia.

“Os orzamentos de 2016 indican que a administración autonómica investirá 725 euros por lucense, a cifra máis alta de todas as provincias galegas”-recalcou Balseiro.

As achegas da Xunta superan amplamente, en case un 50%, o previsto para A Coruña e Pontevedra, con 502 e 460 euros respectivamente. Trátase tamén dunha cifra lixeiramente maior a prevista para outra provincia que ten un perfil económico e demográfico parello, Ourense, con 688 euros per capita.

Balseiro agradeceu que unha vez máis o Executivo autonómico “priorice o gasto nas provincias do interior fronte ás atlánticas” e, polo tanto, que “renove a súa aposta polo reequilibrio territorial” que o Goberno galego volve a materializar nos orzamentos autonómicos.

PARTIDAS A SALIENTAR

 Por partidas o secretario xeral lucense, destacou os 3,1 millóns de euros que o Goberno galego destinará á VAC Sarria-Monforte, os 5,8 millóns de euros que se destinan para a obra do auditorio de Lugo, ou os 6,1 millóns de euros para o remata do corredor da Costa Norte, entre Celeiro e San Ciprián.

En estradas tamén se contemplan actuacións na LU-213 entre Begonte-Friol-Palas con 120.000 euros, na LU-651 no Folgoso do Caurel, con 250.000 euros, ou para o acondicionamento da LU-124 entre Lindin, Cruza da Cancela a Riotorto e Vilameá, con 250.000 euros de orzamento. O Plan Paradai en Lugo disporá de 450.000 euros.

En materia sanitaria destaca a consignación de 1,8 millóns de euros para iniciar as obras contempladas no Plan Director do Hospital da Costa, en Burela, e en materia educativa destacan os investimentos para a construción do novo CEIP Sagrado Corazón (523.885 euros) ou a ampliación do CEIP As Mercedes con 462.501 euros de orzamento. Salienta tamén as chegas de 2,3 millóns de euros para os camiños de Santiago, sinalización, promoción turística, infraestruturas e albergues.

OS PRIMEIROS ORZAMENTOS EXPANSIVOS

Xa en clave xeral Balseiro destacou que, tras catro anos de orzamentos á baixa e dous nos que o Goberno galego foi quen de estabilizar o gasto, a Xunta presenta uns orzamentos expansivos “que crecen no seu conxunto, por primeira vez, desde que comezou a crise, no ano 2008

Balseiro dixo tamén que as contas de 2016 incrementan a aposta da Xunta polos servizos públicos, “posto que as partidas do ámbito social medran en 282 millóns de euros, dos que preto de 200 irán destinados a educación e sanidade”

Como conclusión Balseiro indicou que “son contas que incorporan unha das rebaixas fiscais máis intensas que nunca adoptara a Facenda galega, con medidas sobre o IRPF a eliminación do Imposto de Sucesións para o 99% dos galegos ou o Programa de Impostos Cero no rural, especialmente favorable para a nosa provincia”