Lugo 13 de outubro de 2015.- O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Carlos Armesto, instou hoxe aos deputados nacionalistas na Deputación de Lugo, Antonio Veiga e Xosé Ferreiro, a que se pronuncien sobre se apoiarán un Goberno da Deputación con imputados. “Deben respectar aos lucenses e darlles a cara, xa que tanto os cidadáns como os seus votantes merecen explicacións e transparencia”, engade.
Armesto cre “necesario que os deputados nacionalistas rompan o seu silencio” tras que o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, lembrase o código ético do seu partido e delegase tanto en Veiga como en Ferreiro o apoio ou rexeitamento ao organigrama provincial. Tendo en conta a maiores, que os socialistas reafirmáronse en que todos os deputados terían responsabilidades de goberno, incluído un dos imputados, Manuel Martínez.
O voceiro dos populares urxe a que os nacionalistas clarifiquen cal vai ser a postura do BNG na Deputación de Lugo. “Van desautorizar ao seu dirixente e incumprir co seu código ético ou pola contra rompen co bipartito na administración provincial?”, pregúntase Armesto quen considera de necesidade que “se poña fin ao espectáculo que se está a vivir e que só está a danar a imaxe dunha institución pública ao tempo que desatenden os dereitos dos lucenses, que deben coñecer todos os asuntos escuros que se esconden detrás destas negociacións”.
Intereses partidistas e persoais
Armesto asegura que os acontecementos que se están a dar reafirman que “o único que move tanto a socialistas como a nacionalistas son os seus intereses partidistas e persoais. Foi un intento desesperado por acadar o Goberno sen importárenlles os lucenses, só centrados neles”, aclara.
“Queremos saber o que esconden e os lucenses merecen saber que prezos están a asumir cada un deles?”, reitera Armesto. O BNG chegou a dicir que non apoiaría a presenza de imputados na Deputación mesmo que algún deles lograse a súa desimputación. O voceiro analiza que “a súa palabra vale pouco porque non tardaron en apoiar unha moción de censura sen explicar o que pasara e que motivara este cambio de opinión tan radical. Agora mentres o responsable do partido di que non se aceptan imputados con responsabilidades de Goberno, os propios deputados dan a calada por resposta. Os lucenses están no seu dereito de coñecer non só quen os vai gobernar senón tamén os acordos que os levan a que estas persoas xestionen os seus fondos”, analiza.
“Veiga e Ferreiro, cumprirán vostedes co código ético do seu partido e atenderán ao voceiro nacional ou pola contra centraranse nos seus intereses políticos e persoais e preferirán apoiar aos socialistas e constituír un Goberno con imputados no executivo”, conclúe.