9 de outubro de 2015.- O portavoz do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, Jose Manuel Barreiro, mantivo na tarde deste venres unha reunión coa presidenta da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, Iris Castro e responsables da Unidade Residencial que esta entidade ten en Cervo. Na visita ás instalacións, Barreiro coñeceu de primeira man o labor que realiza a Asociación e comprometeu o apoio do Partido Popular “porque os recursos teñen que chegar a quen máis o necesitan”. “As políticas sociais -dixo- foron e son un dos alicerces fundamentais do PP; somos conscientes de que só haberá unha recuperación de verdade cando todo o mundo o note”.
O presidente provincial popular mostrou a súa admiración polo labor da Asociación e valorou igualmente o traballo dos voluntarios, amigos e familias das persoas con enfermidade mental. Os trastornos mentais representan na actualidade o 12,5 por cento de todas as patoloxías, por enriba do cancro e os trastornos cardiovasculares, e o seu impacto na calidade de vida é superior ao das enfermidades crónicas. Neste sentido, José Manuel Barreiro afirmou que “debemos facer posible a capacitación das persoas con enfermidade mental a fin de lograr a súa plena participación na sociedade en condicións de igualdade”.
A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña foi fundada en 1999 por familias afectadas pola problemática da enfermidade mental co obxectivo de conseguir axuda e atención continuada para os discapacitados así como a súa plena integración na sociedade.
A Unidade Residencial de Cervo é a primeira destas características na provincia de Lugo e unha das poucas que existe en Galicia. Ofrece 25 prazas de atención 24 horas e quere ofertar outras 50 como centro ocupacional. A entidade tamén xestiona dous centros de reahabilitación psicosocial en Burela e Ribadeo e unha vivenda tutelada.
Continúa a ruta social pola provincia
A visita enmárcase dentro da “Ruta Social” do PP que percorrerá todo o país co obxectivo de escoitar aos máis desfavorecidos e coñecer de primeira man as súas necesidades para poder darlles respostas concretas. Ademais do portavoz do GPP no Senado, no acto participaron o secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, os deputados Jaime de Olano e Vidal Martínez Sierra, a expresidenta da Deputación, Elena Candia, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.
José Manuel Barreiro destacou o traballo de asociacións como esta que “permiten normalizar o día a día das persoas que sofren discapaciades. Por iso -matizó- no Partido Popular queremos escoitar as súas demandas para facilitar a súa integración social e mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares”. A visita celébrase un día antes da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.
Máis de 200.000 empregos para discapacitados
O Portavoz do GPP no Senado recordou que esta é a lexislatura na que se creou máis emprego para persoas con discapacidade; “os 680.000 contratos laborais asinados por persoas con capacidades diferentes é a cifra máis alta da historia”, matizó José Manuel Barreiro. Neste sentido destacou que só en 2014 se crearon máis de 200.000 empregos para discapacitados.
Nos Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano o gasto social segue sendo a partida máis importante, representando o 53,5% do gasto total e ascendendo a 188.130 millóns de euros.
Reunión comarcal en Foz
Tras finalizar a visita o Presidente do PP de Lugo desprazouse ata Foz, para presidir a reunión comarcal do partido. O acto é a continuación dunha serie de encontros cos que se pretende coñecer e dar resposta ás principais reivindicacións dos cidadáns en cada comarca e mostrar o apoio da dirección provincial aos afiliados e ao traballo que realizan os distintos Grupos Municipais en cada Concello.