Partido Popular de Lugo

Barreiro cualifica a moción rexistrada polo PSOE e o BNG na Deputación de Lugo como “infame”, polo que lles esixe que dean explicacións á cidadanía

O presidente do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, cualifica a moción de censura rexistrada esta mañá polo PSOE e o BNG para facerse co Goberno da Deputación de Lugo como “infame”, polo que lles esixe que dean explicacións á cidadanía. Barreiro indicou que socialistas e nacionalistas agochan intereses ocultos no seu acordo que demostran que “o que onte dixeron non teña nada que ver co que hoxe fan”

O presidente provincial fixo unha cronoloxía do sucedido, acompañado polos deputados provinciais, a presidenta e o secretario xeral do PP, na que recordou que o BNG chegou a dicir que non apoiaría a presenza de Martínez na Deputación de Lugo aínda logrando a súa desimputación. “Por iso nos preguntamos qué foi o que pasou hoxe, qué leva a Martínez a apoiar a moción de censura se non vai ser candidato e qué prezo -e non me refiro a contías económicas- tiveron que pagar o PSOE e o BNG para que isto vaia adiante”.

Barreiro lamenta que a moción responda unicamente ao intento desesperado por parte de socialistas e nacionalistas de atallar os seus problemas internos, “xa que nin unha soa crítica se lle pode facer a un Goberno que nin estivo cen días no posto”. “Utilizan a toda a sociedade lucense para tapar as súas vergoñas e iso van ter que explicalo”, engadiu.

Para os populares este xeito de actuar “é un exercicio de hipocrisía, polo que coa infamia que vén de cometer o PSOE e Besteiro quedan invalidados politicamente. Temos dereito a saber cal foi o amaño porque está claro que o houbo e que nos expliquen as cousas con luz e taquígrafos se aspiran a xestionar os recursos da nosa provincia”, apuntou Barreiro.

Un goberno que pensa na xente

Para o presidente provincial estes meses de Goberno do PP demostraron que “hai outra forma de gobernar centrada na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Lugo a diferenza doutra que, de retomarse, responde soamente aos intereses particulares dunhas persoas e dos seus partidos”. Tanto é así, engadiu, que cando Gobernan só responden ás persoas ou Concellos da súa mesma cor política.

Desde o PP consideran sorprendente que socialistas e nacionalistas apelen agora ao progresismo cando “fomos os populares os que gañamos as eleccións do pasado 24 de maio”. “O que están facendo son interpretacións para tapar o que hai debaixo”.

O presidente do Partido Popular de Lugo tivo ademais palabras de agradecemento para os deputados e, nomeadamente para Elena Candia, presidenta da Deputación polo seu “esforzo, traballo, entrega e dedicación” á fronte da institución. “Estou seguro de que contará co aplauso de toda a sociedade porque demostrou que se pode gobernar diferente e para todo o mundo, non só para uns poucos”.

Barreiro precisou ademais que, “se a moción de censura finalmente nos leva á oposición, seguiremos traballando por esta provincia, que foi para o que nos deron a súa confianza”.