Partido Popular de Lugo

O PP RECLAMA A PROMOCIÓN, COIDADO E POSTA EN VALOR DA RUTA DE SENDEIRISMO VAL DE LOURENZÁ

Lourenzá, 23 de setembro do 2015.-  A voceira do Grupo Municipal Popular e presidenta dos populares de Lourenzá, Emma Álvarez, reclamou a promoción, coidado e posta en valor da ruta de sendeirismo Val de Lourenzá creada polo anterior Goberno municipal coa finalidade de dar a coñecer o fermoso patrimonio do Val, a súa riqueza etnográfica, paisaxística, histórica e cultural.

A popular explicou que parten do convencemento de que este tipo de rutas poden servir como reclamo para que visitantes doutros puntos da provincia ou mesmo da comarca (dentro do xeodestino da Mariña lucense) recalen no municipio, axudando a xerar riqueza e emprego e a potenciar a capacidade turística de Lourenzá.

Emma Álvarez pon deberes ao Goberno local para acadar este fin, en concreto, pide que promocione e dea a coñecer a ruta, a través de distintos medios como pode ser un, tan sinxelo e barato, como a propia páxina web do Concello, na que figura desde o mes de xuño “en construción”

A voceira popular tamén insta a alcaldía a manter libre de vexetación e en óptimo estado de conservación todo o trazado, e máis concretamente adecentar uns 100 metros que na actualidade atópanse en mal estado, correspondentes á baixada dende a Lavandeira ata a Igrexa de San Adriano, nesta mesma parroquia laurentina.

Sobre este particular concreto, Emma Álvarez, en nome do Grupo Popular presentou un rogo no último pleno municipal que espera sexa atendido desde o Equipo de Goberno socialista, máxime tendo en consideración e actuando con sensibilidade con respecto dunha actividade como é o sendeirismo, de máxima actualidade, e que está reportando grandes beneficios en moitas localidades veciñas, polo gran número de visitantes que pasean e gozan da natureza, gastronomía e comercio local.