Lourenzá, 21 de setembro do 2015.- A presidenta do PP de Lourenzá e voceira do Grupo Municipal, Emma Álvarez, demandou ao novo equipo de Goberno local que habilite unha liña de axudas ás que poidan acollerse as Escolas Deportivas Municipais e Clubs deportivos que operan na localidade.
A popular busca deste xeito compensar a merma de recursos que, no referente á contía económica que achega o Concello, produciuse con ocasión da sinatura do convenio coas Escolas Deportivas para a tempada 2014-2015. Precisamente Emma Álvarez lembra que para compensar esta situación existía o compromiso de habilitar unha liña de axudas complementaria, de concorrencia competitiva, á que poderían optar as propias escolas e os clubs municipais, un feito que aínda non se levou a cabo, por parte do novo Goberno local.
A portavoz popular lembrou que os orzamentos en vigor para o ano 2015 xa recollen unha partida de 6.000 € para este fin, por ese motivo presentaron un rogo, no último pleno municipal, facendo constar formalmente esta petición, isto é, que se convoque unha liña de axudas por este importe no prazo máximo dun mes, a fin de que poidan xustificarse dentro do ano en curso e con cargo a este orzamento, facilitando así todos os trámites, e apostando por un apoio imprescindible ás entidades que fomentan a práctica deportiva no municipio.