Ribadeo 14 de setembro de 2015.- O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, anunciou esta mañá que o grupo municipal popular levará á vindeira sesión plenaria municipal dúas mocións nas que instará á Deputación de Lugo á asinar dous convenios: un para arranxar as vías das que é responsable e outro para a construción dun campo de céspede artificial.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, López Penabad, explicou que no termo municipal de Ribadeo existen varias estradas, de titularidade provincial, que precisan dunha reparación urxente ante a mala situación do seu firme e a falta de mantemento; unhas circunstancias que provocan inseguridade e incomodidade para os veciños e usuarios que transitan polas mesmas.
O popular explicou que as vías máis afectadas son a LU-P-5203, LU-P-5204 e LU-P-5205, que comunican as parroquias do interior de Ribadeo, desde Arante, Cedofeita, Santalla de Vilaosende e Couxela; unhas estradas moi recorridas, con gran afluencia de tráfico e que se converten na principal vía de entrada e saída á vila.
Explicou López Penabad que estas estradas, de titularidade provincial, permiten a comunicación dos veciños coa N-640 (saída cara Lugo e Asturias) así coma coa carretera de Vilela na súa entrada na nosa vila e recalcou que as primeiras discorren por unha zona cun importante potencial agrícola ademais de soportar, polo tanto, tráfico pesado.
O presidente dos populares ribadenses pediu tamén a reparación da ponte e o tramo de titularidade provincial ata a rúa Deputación, dotando de beirarrúas e así urbanizando un treito xa urbano e zona de entrada de Ribadeo dende as parroquias do interior.
O popular achaca estas deficiencias á falta de actuación durante estes anos por parte do anterior bipartito provincial, e a pasividade do Equipo de Goberno municipal, tan reivindicativo noutros ámbitos e insistiu en que esta incompetencia levou a numerosos veciños a denunciar publicamente o mal estado destas estradas e a esixir actuacións inmediatas.
CONSTRUCCIÓN DUN CAMPO DE CÉSPEDE ARTIFICIAL
Por outra banda, o presidente do PP de Ribadeo explicou que o pleno da Corporación Municipal de Ribadeo instará tamén á Deputación provincial de Lugo á celebración dun convenio de colaboración concello ribadense para a dotación no municipio dun campo de fútbol de céspede artificial que contribuirá á mellora das instalacións deportivas do municipio.