Santiago, 11 de setembro de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a simplificar os procedementos de autorización para a corta de madeira nos montes galegos.
Máis en concreto, o acordo acadado na Cámara galega insta á Xunta a elaborar un estudo e desenvolver as medidas que nel se establezan para reducir e axilizar os actuais trámites burocráticos precisos para os aproveitamentos madeireiros e afondar na coordinación entre os distintos departamentos da Xunta do Estado, con competencias na materia.
117.000 PERMISOS DE CORTAS ANUAIS
Segundo destacou o voceiro da área forestal do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, esta medida busca favorecer a competitividade nos traballos forestais dos montes galegos e o réxime legal dos entorno a 117.000 permisos de corta que cada ano se solicitan na nosa comunidade.
“Buscamos fórmulas administrativas para que, coas máximas garantías económicas, de respecto ambiental, patrimonial, hidrolóxico ou paisaxístico poidamos axilizar os trámites de corta. Buscamos, en definitiva, un maior aproveitamento económico dos nosos montes, facéndonos eco dunha demanda recorrente dos propietarios forestais”, resumiu Balseiro
Balseiro tamén lembrou que unha de cada dez familias recibiron ingresos procedentes de corta no monte, unha cifra que da imaxe da capacidade de xeración económica, e do sustento social do sector forestal.
OPOSICIÓN CEGA ÁS DEMANDAS SOCIAIS
A iniciativa prosperou grazas aos votos do Grupo Popular, pese a ser rexeitada pola oposición, razón pola que Balseiro acusou a PSOE, BNG e AGE de “ser cegos ás demandas dos propietarios e industria forestal, que son os primeiros en realizar esta demanda”.
Tamén defendeu a necesidade de elaborar e executar este estudo, “porque os políticos non deben substituír o papel dos técnicos, e moito menos cando se trata de facer unha harmonización normativa”. Indicou tamén que a idoneidade de realizalo agora vén dada pola entrada en vigor das ordenes e decretos que desenvolven a Lei de Montes.