Ribadeo 2 de setembro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, reclamou hoxe ao alcalde nacionalista, Fernando Suárez Barcia, maior implicación e apoio do Goberno municipal ás festas patronais.
Así o asegurou tras lembrar que o actual Equipo de Goberno local ten ata catro persoas cobrando un soldo do Concello (concelleiros con dedicación e secretaria persoal do alcalde), catro salarios pagados por todos os veciños, que debera levarlles a implicarse e colaborar con maior intensidade coa organización das festas.
A devandita reclamación xurde logo de ter acceso a un reparo do Servizo de Intervención Municipal no que fai constar diversas irregularidades en relación coa falta de recadación pola ocupación de vías públicas por barracas, postos da feira, etcétera, e no que os servizos municipais responsabilizan ao Concello do non cobro das taxas correspondentes.
Os populares esixen que o alcalde poña sobre a mesa a fórmula legal correcta para non prexudicar ás Comisións de festas no exercicio da súa actividade e sinalan que o alcalde está obrigado a dar solucións e intensificar a colaboración económica e técnica coa organización das patronais e outras actividades festivas no municipio.
Por último, Jesús López Penabad tamén quixo agradecer o traballo desinteresado das persoas que integran a Comisión de festas e desexa aos veciños unha felices festas patronais.