Láncara, 5 de agosto de 2015.- O voceiro do PP de Láncara, Santiago Cubillas, denunciou a actuación do rexedor na última sesión plenaria municipal e tildouna de” desafortunada”.
O popular lémbralle ao alcalde de Láncara que a educación é un dos piares básicos dos representantes públicos e ve grave que Darío Piñeiro presuma dunha gran actuación no pleno cando lle faltou xustamente este piar. “A súa actitude foi prepotente, poñendo de manifesto falta de empatía e educación”.- denunciou.
Por outra banda, o voceiro popular pediulle ao alcalde que deixe de acusar gratuitamente ao PP e pregúntalle a Darío Piñeiro en que se basa para vincular a unha persoa, que supostamente o ofendeu, cos populares. “Se iso o ve así, que tome as accións legais que considere oportunas pero que deixe de facer demagoxia con este tipo de asuntos”.- manifestou.
Ademais, Santiago Cubillas, pídelle ao socialista que se adique a gobernar para todos os veciños, para o cal ofrécelle o apoio do PP, como quedou demostrado votando a favor das mocións debatidas no pleno.
“Parece que só se acorda do goberno anterior para criticalos, e non recoñece os logros , como a subvención de 30.000 € concedida pola Xunta de Galicia, e solicitada polos populares , para a mellora do Campo da Feira”.- concluíu.