Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR RECLAMA UN AUMENTO DA COTA DO BOCARTE PARA A FLOTA GALEGA DO CERCO EN AUGAS AO SUR DE FISTERRA

Santiago, 04 de xullo de 2015.- O Grupo Popular de Galicia reclama a través dunha proposición non de lei que vén de rexistrar no Parlamento galego un aumento da cota de bocarte (anchoa) para a flota galega do cerco en augas da zona CIEM IXa, é dicir, desde o Sur de Fisterra ao Golfo de Cádiz.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro explicou esta mañá en rolda de prensa que a formación política á que pertence pide ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) que faga valer o compromiso adquirido pola Secretaría General de Pesca, no que se amosaba disposta a  habilitar cota suficiente para que a flota galega poda pescar bocarte nestas augas, cando aparecese esta especie migratoria ocasional.

Máis en concreto Balseiro explicou que a iniciativa do Grupo Popular  de Galicia esixe unha reserva anual dun 10% da cota española na zona CIEM IXa, para que poida ser aproveitada polos buques do cerco con porto base en Galicia, no caso de que se detecte a presenza de bocarte, e di que esta reserva de cota deberá manterse ata o 31 de outubro de cada ano.

Balseiro explicou que o bocarte é un produto que, polas súas características migratorias, non sempre chega ás nosas augas pero que, este ano, está presente en abundancia nas nosas costas. O compromiso do Ministerio era o de atender ás necesidades de cota da flota galega si se daba esta circunstancia, e iso é o que hoxe reclaman os populares.

CONSELLO GALEGO DE PESCA

Balseiro aclarou tamén que esta demanda acolle na súa literalidade a toma de posición do sector do cerco galego, que os propios profesionais formularon na última xuntanza da Comisión Sectorial desta flota constituída no eido do Consello Galego de Pesca o 13 de xullo de 2015. Tamén a Xunta asume como propia esta reivindicación, xa que, de feito, este organismo é o máximo órgano de consulta e asesoramento da Xunta en materia de pesca, e nel adoptáronse outros acordos como o establecemento de topes de descarga diaria, dentro dunha estratexia conxunta dirixida a mellorar o prezo e as condicións de comercialización dos produtos capturados polo cerco
 
REFORZO POLÍTICO Á DEMANDA DO SECTOR

“Desde o Grupo Popular cremos que cómpre reforzar esta reivindicación mediante un acordo parlamentario. Que as distintas forzas políticas presentes no Parlamento respaldemos co noso voto as demandas do sector do cerco, diante das negociacións que agora se abren coa administración central e co resto das comunidades autónomas, dun xeito especial con Andalucía, cuxa postura intransixente bloquea o cumprimento deste acordo”- dixo o voceiro.

O Grupo Popular de Galicia “está e estará sempre do lado das reivindicacións do cerco, e comprometido na mellora  da xestión dos recursos pesqueiros, un debate que desenvolvemos da man do sector do cerco”-conclúe Balseiro.

SECTOR DO CERCO EN GALICIA

Os potenciais beneficiarios desta medida serían entorno a 150 barcos do cerco galego, 60 deles especializados na pesca do bocarte, un sector que xera 1.500 postos de traballo directos na nosa Comunidade, 7.000 indirectos e que pesca, en función das dispoñibilidades de cota nas augas do Cantábrico ou do Atlántico.