Ribadeo 5 de agosto de 2015.- O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, instou ao rexedor a poñer en marcha un plan de promoción turística que inclúa todos os atractivos e servizos do Concello para impulsalos conxuntamente.
“Son horas de que Suárez Barcia se de conta de que o noso Concello ten outros atractivos turísticos ademais de As Catedrais”- manifestou o popular, quen citou o comercio, á restauración ou os valores patrimoniais da localidade como grandes potenciais para salientar e dar a coñecer aos visitantes.
O popular asegura que o turista, cando chega a Ribadeo, elixe a súa propia ruta, de aí que o Concello teña que elaborar un plan de promoción turística que inclúa a promoción conxunta de todos os atractivos e servizos de Ribadeo.
López Penabad acusou ao rexedor de centrar durante anos toda a promoción de Ribadeo soamente nas Catedrais e provocar que o turista identifique este Concello, fundamentalmente, con este areal.
Afirma o popular, que a Xunta de Galicia, ademais de protexer As Catedrais cun plan fundamentado en análises técnicos e científicos e baseado noutros espazos protexidos semellantes, puxo en marcha medidas para por en valor Ribadeo e o seu conxunto e lembra que o aparcamento habilitado está no propio Concello e os turistas que pernoctan nesta localidade teñen acceso directo a praia, así coma os que utilizan a liña de autobús que une Ribadeo co areal ou os que chegan no tren turístico dos faros.
Ademais fíxose unha mellora na regulación do tráfico, unha mellora na información ofrecida ao visitante dispoñendo persoal especializado, organizando rutas guiadas gratuítas… un conxunto de medidas claras, decididas e necesarias para poñer en valor o espazo que contrastan coa nula disposición do Concello a colaborar.
Un plan que está funcionando tal e como demostran as enquisas feitas aos visitantes e que ven avalada porque 3 de cada 4 persoas das 75.000 que visitaron o areal no mes de xullo traían unha reserva previa que lles permitiu desfrutar da praia en condicións de calidade. Un feito que redundou, ademais, nun incremento nas reservas dos hoteis de Ribadeo e de toda a comarca.
O popular concluíu desmentindo as declaracións verquidas estes días polo rexedor e afirmou que unha vez máis, Fernando Suárez deixa de desempeñar as súas funcións e acusa a outros para intentar ocultar a súa inoperancia.