Lugo, 24 de xullo de 2015.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe o cambio normativo que permitirá reducir de seis meses a tan só 15 días a tramitación dos permisos para a limpeza dos ríos.
Deste xeito o Goberno galego consigue unha notable axilización dos trámites necesarios para que os concellos realicen actuacións de mantemento e conservación nos leitos fluviais, xa que logo só terán que presentar un modelo tipo de declaración responsable dous semanas antes do inicio dos traballos.
Balseiro asegura que este cambio na norma ten múltiples vantaxes pois lembra que uns ríos máis limpos e mellor conservados contribúen a evitar episodios de asolagamentos nas etapas de choivas intensas e axudan ao mantemento do contorno medioambiental e dos cursos fluviais,
ACTUACIÓNS DE MANTEMENTO
Augas de Galicia establece como actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, a poda e a retirada das árbores mortas pola canle que impidan o acceso ao leito, así como aquelas que reduzan a súa capacidade.
Estas actuacións complétanse co mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición e coa extracción dos elementos que circulen polo río, en especial os que atoen o treito, as obras de paso ou que supoñan un foco de contaminación.
Balseiro explica que a Consellería de Medio Ambiente aprobou a principios deste ano o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, normativa que precisamente inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos e as actuacións de emerxencia en época de seca, entre outros puntos.
A simplificación no procedemento fomenta a vontade dos populares por mellorar os ríos galegos pero tamén por facilitar a tramitación burocrática, sen restar garantías aos procedementos.