Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DE GALICIA DEFENDE A TRAVÉS DUNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA O CARÁCTER DE POLICÍA XUDICIAL DOS AXENTES FORESTAIS

Santiago, 23 de xullo de 2015.- O Grupo Popular defende, a través dunha proposición non de lei rexistrada para o seu debate e votación no Parlamento de Galicia, o carácter de policía xudicial que, no desempeño das súas funcións, realizan os axentes forestais e medio ambientais.

O voceiro de Montes dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explica que esta iniciativa pretende aproveitar o actual cambio legal da lexislación procesual para que, en ausencia de regulación específica, se blinde legalmente o recoñecemento desta actividade de colaboración e auxilio á administración de xustiza que realiza este colectivo

MÚLTIPLES VANTAXES

Desde o Grupo Popular queren que a nova lexislación garanta un axeitado desempeño laboral dos colectivos de axentes forestais e medio ambientais, coa maior eficacia e eficiencia posible, en exercicio das súas funcións como traballadores públicos

A iniciativa contribuirá tamén de xeito positivo a reforzar o papel destes profesionais na investigación e persecución dos delitos contra a ordenación do territorio e o medio ambiente. “Trátase dunha reivindicación destes profesionais que por exemplo -lembra Balseiro- podería mellorar a persecución dos causantes dos incendios forestais que tanto dano ocasionan todos os anos”.

FUNCIÓNS DE GRANDE IMPORTANCIA

Os axentes forestais e ambientais, son colectivos de funcionarios públicos que teñen encomendadas, entre outras, o exercicio das funcións de policía administrativa forestal e ambiental. “Velan polo cumprimento da normativa en materia forestal e de protección, xestión e conservación da natureza, investigando as causas e os presuntos autores das infraccións que se cometan nestes ámbitos e coa condición de axentes da autoridade”

Desde o Grupo Popular sempre defenderon esta labor, de xeito especial, cando xurdiu un debate sobre si esta recoñecemento debía aparecer expresado como tal na lexislación estatal sobre Montes. Os populares eran partidarios de manter o recoñecemento no ámbito procesual e, en coherencia con esa liña, rexistran esta iniciativa, que en todo caso acolle a reivindicación destes profesionais

GALICIA PRIMEIRA POTENCIA FORESTAL

Balseiro lembra que en Galicia, como primeira potencia forestal no conxunto de España, o monte representa un recurso de especial protección e grande importancia económica e social, derivada do aproveitamento da madeira e doutros recursos a el vinculado. De aí tamén, a importancia dos profesionais públicos encargados da súa vixilancia.

Xunto a iso Balseiro salienta que, por dereito constitucional, as cidadás e cidadáns galegos teñen dereito a gozar dun medio ambiente saudable e ben coidado para desenvolver a súa vida nas mellores condicións posibles e legar así este patrimonio ás xeracións futuras, garantías que son obxecto de protección precisamente polo traballo destes axentes forestais e ambientais.