Navia de Suarna, 7 de xullo de 2015.- O PP de Navia, preocupado polos servizos asistenciais relacionados co ámbito da saúde e que afectan directamente aos veciños, manterá unha xuntanza cos diferentes entes para trasladar a situación que están a sufrir os naviegos neste ámbito.
O primeiro encontro manterase nos vindeiros días co facultativo da Farmacia para pedirlle que non peche o local o fin de semana posto que está provocando entre os veciños un grave prexuízo ao deixar de prestar servizo dende o sábado ás 14:00 horas ata o luns. Debido a isto, os naviegos, no caso de ter algunha urxencia nestes días, teñen que desprazarse a concellos limítrofes, situado a 30 km, para mercar as medicinas.
Nesta quenda de xuntanzas, está previsto un encontro co responsable do Servizo de Coordinación da Xestión Integrada dos Servizos Asistenciais Médicos para a Provincia de Lugo para trasladarlle as dificultades e o estado da situación dos veciños en materia de Sanidade con relación aos actuais servizos médicos do Concello.