02, jul, ’15.- O Portavoz do GPP no Senado e Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou hoxe, en declaracións aos medios de comunicación, antes de presidir a reunión da Xunta Directiva Provincial, que a nova presidenta da Deputación, Elena Candia “ten o apoio de todo o partido en Lugo”.
José Manuel Barreiro asegurou que Candia “emprendeu xa unha nova etapa á fronte do Organismo Provincial. Unha etapa –resaltou Barreiro- que se vai caracterizar pola transparencia e a atención igualitaria a tódolos concellos, independentemente da súa cor política. Isto –dixo- é xusto o que non facía o Sr. Besteiro, que só axudaba aos concellos socialistas. Agora a Deputación deixará de ser unha ferramenta ao servizo da carreira política de Besteiro para centrarse no que realmente importa, que é servir aos cidadáns”, matizou o líder do PP de Lugo.
O voceiro do GPP no Senado valorou como “moi positiva” a decisión de Elena Candia de vender o coche de luxo que empregaba José Ramón Gómez Besteiro e destinar o diñeiro a fins sociais. “É un claro exemplo dunha nova etapa, dunha nova forma de facer política, prescindindo dos gastos superfluos e reafirmando o compromiso da Institución cos máis desfavorecidos”, explicou José Manuel Barreiro. O vehículo custara no seu día 106.000 euros, un valor tres veces superior ao do Presidente da Xunta de Galicia.
Barreiro referiuse tamén ás declaracións de Besteiro afirmando que a Elena Candia lle podían quedar poucos días á fronte da Deputación: “ese tipo de avisos están fóra do bo facer político e só poden ser froito do resentimento de quen non sabe admitir a derrota”. “O Sr. Besteiro –continuou- non quere asumir que o único responsable do acontecido é el. Está nervioso ante a situación de interinidade que vive agora dentro do seu propio partido e os lucenses non temos por qué pagar as liortas internas do PSOE”, asegurou José Manuel Barreiro.
Barreiro tamén se referiu “ás presas” do PSdeG para nomear senador a Gómez Besteiro. “O que máis lle importa agora mesmo ao PSdeG –dixo o Presidente Provincial do PP- é buscarlle un posto a Besteiro, por iso lles entra a présa para renovar as institucións”. “Dende o PPdeG –explicou o líder do partido en Lugo- non vetamos o nomeamento de Besteiro. Nós non mudamos a postura –continuou- porque a nosa prioridade é renovar as institucións pero tendo en conta o acordo ao que chegaran previamente PP e PSOE e foron eles os que o racharon propoñendo a Leiceaga para o Consello de Contas”, afirmou José Manuel Barreiro.
Finalmente, o Presidente do PP en Lugo quixo valorar os datos do paro que cualificou de “positivos”. “Camiñamos na boa dirección, non hai dúbida diso –aseverou Barreiro- e os datos son claros: hoxe hai 302.055 parados menos que cando Mariano Rajoy chegou ao Goberno, isto demostra que as políticas reformistas están sendo eficaces; permiten a España camiñar na senda da estabilidade e evitaron unha situación coma a que agora vive Grecia”.
José Manuel Barreiro destacou que “neste mes de xuño que acabamos de rematar o paro baixa en España en 97.700 persoas e case en 8.000 en Galicia. Ademais -dixo- na nosa comunidade o descenso é superior á media estatal e permite que nos situemos en niveis inferiores aos de 2011”. O número de parados descende en tódalas provincias “en Lugo este mes hai 518 desempregados menos, non é suficiente, pero é un bo dato que nos anima a seguir traballando”, salientou Barreiro.
O líder dos populares lucenses explicou que “a rebaixa do IRPF que acaba de anunciar Rajoy é unha boa nova. É outro exemplo de que as cousas avanzan na boa dirección. Grazas ás reformas e os sacrificios de todos o Goberno pode adiantar a rebaixa do IRPF”.
“Nós non enganamos a ninguén, pedimos esforzos aos cidadáns para sacar a España da crise e tamén dixemos que en canto a situación mellora baixaríamos os impostos e isto é o que estamos facendo”, aseverou Barreiro. “Os cidadáns notarán xa esa diminución do IRPF na nómina deste mes. Seguiremos traballando nesta mesma liña con dous obxectivos claros: acabar co paro e mellorar a calidade de vida dos cidadáns”, concluíu José Manuel Barreiro.