Ribadeo, 29 de xuño de 2015.- O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, decidiu subirse o soldo de cara ao mandato que agora empeza. Farao máis dun 16% respecto do montante que percibía durante os pasados catro anos, pasando de recibir 38.199 euros anuais a un total de 44.450 euros cada ano.
Os populares alertan que rexedor nacionalista se beneficiará dunha dedicación exclusiva incrementada en de 6.251 euros anuais, aos que habería que engadir futuras subidas vinculadas ao que aconteza coa evolución do salario dos funcionarios públicos.
A maiores o alcalde seguirá beneficiándose do privilexio de contar cunha secretaria particular, como cargo eventual de libre designación, a cuxo salario asigna case 2.000 euros brutos cada mes.
NOVA DEDICACIÓN EXCLUSIVA E OUTRA PARCIAL
Á suba do soldo do alcalde hai que engadir unha nova dedicación exclusiva, a que recibirá o concelleiro de Facenda, Infraestruturas, Obras e Medio rural, tamén a costa das arcas municipais, que suporá un gasto de 29.987,16 euros brutos anuais.
O custe en salarios do Grupo de Goberno suma e segue, neste caso con outra dedicación parcial máis, ao 50% da xornada ordinaria, a da Concellería delegada de desenvolvemento local, turismo e comercio, que supón un total de 20.020 euros brutos cada ano.
Ambas dedicacións supoñen un total de 50.007 euros que serán sufragados integramente polas arcas municipais.
INSENSIBILIDADE
López Penabad, que adiantou o voto en contra do Grupo Municipal Popular, denunciou que a suba de salario do alcalde e as novas dedicacións son absolutamente desproporcionadas e carecen de sentido, tendo en conta o contexto económico actual.
Hai que ser un pouco coherente. Non se pode estar todo o día falando da situación de desesperación de moita xente, dos desafiuzamentos e das dificultades económicas dalgúns veciños e despois aproveitar o rodillo da maioría absoluta para subirse o soldo máis dun 16%.